Windows mellora a fiestra de presentación dos navegadores dispoñibles

mércores, 10 de marzo do 2010 Raquel Noya

En resposta ás criticas recibidas por parte dalgúns expertos que afirmaban que a orde da disposición dos navegadores en Windows “non era totalmente aleatoria”, Microsoft vén de mellorar o algoritmo que xestiona esta ventá, a que presenta os navegadores dispoñibles cando se abre Windows, e o resultado cumple mellor as expectativas das compañías que se queixaron. Algunhas persoas que estudaron o sistema operativo Windows, afirmaban que a orde non era totalmente aleatoria posto que “Internet Explorer adoitaba aparecer no extremo dereito da ventá, en posición dominante sobre outros navegadores”. Agora, logo de mellorar o sistema, os mesmos expertos mostran xa a súa satisfacción polo cambio, e os 12 navegadores, que son os que ofrece o programa, aparecen máis ou menos en igualdade de condicións. Dende que a opción de elexir o navegador en Windows fora introducida por Microsoft a pasada semana, a compañía inclúe unha ventá que presenta os navegadores dispoñibles para que as persoas usuarias poidan escoller. A citada ventá ofrece ata 12 navegadores, porén nos primeiros lugares aparecen os máis populares, como son, Chrome, Opera, Safari, Internet Explorer e Firefox. O resto non se ven de entrada na fiestra e debe desprazarse o listado para que aparezan, razón pola que seis dos sete navegadores que, por defecto, non se ven inicialmente, presentaron unha queixa perante a Comisión Europea para que Microsoft volvera a correxir o mecanismo.

PUBLICIDADE