Windows 8 permitirá monitorizar o uso do ordenador que fagan os cativos

martes, 15 de maio do 2012 Marcus Fernández

Windows 8 mandará por e-mail un resumo da actividade dos menores

Que os nenos medran utilizando ordenadores non é unha sorpresa, pois empregan este tipo de dispositivos para facer os deberes, xogar, comunicarse cos amigos e consultar a web, pero para os pais resulta moi complicado saber se están a facer un bo uso da tecnoloxía, de aí que Microsoft decidise incorporar no futuro Windows 8 unha serie de medidas que permitirán tanto establecer limitacións para o uso do ordenador por parte dos cativos como para supervisar o seu uso.
En Windows 8, ao crear contas de usuario, será posible indicar que un perfil en concreto corresponde a un menor, para activar o filtro de seguridade familiar para tal usuario, o que inicialmente servirá para crear un informe semanal que chegará aos pais por correo electrónico e que resume a actividade do pícaro no ordenador, coñecéndose así informacións como os tempos de uso ou as páxinas web máis visitadas. Estas serían as medidas de seguridade básicas, pois tamén poderían activarse filtros de navegación web (podendo definirse distintos criterios que poden chegar ata permitir só o acceso a unha listaxe branca de páxinas web), activando as buscas seguras (para non atopar contidos adultos nas buscas de textos, imaxes e vídeos), establecendo tempos máximos de uso e bloqueando aplicacións e xogos (incluso facendo que as aplicacións para adultos sexan invisibles na Windows Store).
Dende Microsoft tamén destacan o feito de que os cativos empreguen contas de usuario separadas evita que poidan acceder aos datos persoais dos seus pais (e-mail, documentos...), permiten personalizar a súa configuración sen afectar á do resto de usuarios e impide a descarga de malware (pois non poderán autorizar a súa instalación).
En definitiva, que Microsoft parece estar a tomar moi en serio o uso familiar de Windows 8, o que agradecerán especialmente os proxenitores que queiran certas garantías tanto para o seu equipo como para a súa prole.


Explicación en vídeo das funcións de seguridade familiar de Windows 8

O acceso web tamén pode limitarse mediante distintos filtros

PUBLICIDADE