Windows 10 recibe a súa actualización de outono

martes, 17 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A esperada actualización de outono de Windows 10 por fin está aquí, de xeito que xa podemos instalala nos nosos equipos para comezar a gozar en ordenadores persoais da chamada Realidade Mixta que predica Microsoft, e que busca, entre outras cousas, potenciar a creación dende sistemas informáticos, para o que tamén achega as posibilidades do 3D ao público xeral.
A actualización de Windows 10 que comeza a súa distribución hoxe introduce melloras na tinta dixital (p.ex. permite escribir directamente sobre documentos en formato PDF), enlaza o smartphone co ordenador para poder continuar o traballo nun dispositivo no outro, mellora considerablemente o navegador Microsoft Edge (que agora tamén está dispoñible en móbiles), conta con máis características de seguridade (como medidas anti-ransomware) e privacidade, os documentos almacenados en OneDrive estarán dispoñibles baixo demanda (sen ocupar espazo no disco duro) e, no caso de que contemos cun dispositivo de seguimento da mirada Windows pode aproveitar esta tecnoloxía para unha maior accesibilidade.
A partires de hoxe tamén están dispoñibles no mercado os primeiros cascos de realidade mixta de Windows, aínda que chegarán máis modelos nos vindeiros meses (como o Samsung HMD Odyssey, que verá a luz o 6 de novembro), pero para achegarse a este mundo tamén podemos aproveitar a cámara dun PC normal para empregar o Visor de Realidade Mixta, o que permitirá que vexamos obxectos 3D dentro dun contorno real (ou sexa, que se non temos cascos especiais podemos gozar da realidade aumentada en calquera ordenador con cámara).
Esta revisión de Windows 10 fai unha importante aposta polas 3D, de xeito que non só podemos introducir modelos tridimensionais na realidade mixta, senón que mediante Paint 3D facilita que calquera poida crear modelos deste tipo que agora poderán levarse a Office, o que revolucionará as presentacións de PowerPoint (onde os obxectos poden rotar e gozar de animación) e incluso permitirá inserir ese tipo de contidos en Word.
Os xogadores tamén agradecen esta nova actualización, xa que Windows 10 conta cun modo de funcionamento para optimizar o uso de xogos, mellorou a plataforma de streaming de xogos en tempo real e incluso reduciu un paso máis a distancia entre as consolas Xbox One e os ordenadores persoais.

Windows 10 estrea a realidade mixta, da que é posible gozar incluso dende equipos portátiles como os novos Surface Book 2

PUBLICIDADE