WhatsApp pechará o ano dicindo adeus a Windows Phone

martes, 7 de maio do 2019 Marcus Fernández

Dende hai anos WhatsApp ten unha entrada no seu blog na que van dando conta das datas nas que o servizos de mensaxería instantánea vai abandonando plataformas obsoletas como BlackBerry OS, Symbian S60 ou versións moi vellas de iOS e Android, e xusto hoxe actualizaron a publicación para incluír que todas as versións de Windows Phone perderán o soporte de WhatsApp o vindeiro 31 de decembro, algo que non sorprende se temos en conta que Windows Phone perdeu hai moito tempo o apoio de Microsoft, compañía que incluso deixou de lado a versión móbil de Windows 10.
Outra data próxima que figura no calendario de limpeza de WhatsApp sería o 1 de febreiro de 2020, cando teñen previsto que o servizo deixe de funcionar en versións de Android até a 2.3.7, e de iOS até a 7, o que non debería afectar practicamente a ningún usuario na práctica, xa que resulta complicado que un smartphone con esas versións de sistema operativo puidesen chegar operativos até o ano que vén.

PUBLICIDADE