WhatsApp está a probar o seu uso comercial

martes, 5 de setembro do 2017 Marcus Fernández

WhatsApp confirmou hai uns días que estaba a probar as contas de empresa verificadas como un xeito de facilitar que as compañías atendan ao público, pero serán varias as funcionalidades que facilitarán as comunicacións con empresas que poranse en marcha nos vindeiros meses, de xeito que, aparte dos perfís verificados tamén haberá unha aplicación de balde WhatsApp Business para pequenas empresas (que sería semellante á versión web de WhatsApp) así como unha versión para grandes compañías como liñas aéreas, compañías de comercio electrónico ou entidades bancarias, que poderán empregar WhatsApp como un xeito de enviar notificacións importantes como horarios de voos, confirmacións de entrega de pedidos e outras actualizacións.
Como exemplo xa temos unha empresa que confirmou a súa participación no programa piloto de WhatsApp, KLM Royal Dutch Airlines, que é unha desas compañías con perfil verificado que permite que os seus pasaxeiros reciban a confirmación da reserva, a notificación de rexistro, a tarxetas de embarque e incluso actualizacións sobre os voos a través de WhatsApp, plataforma a través da que tamén atenden a preguntas dos clientes. Esta plataforma integrouse no CRM da empresa (Salesforce) de xeito que os seus 250 axentes poden atender agora a clientes por WhatsApp como unha plataforma máis de atención como poden ser o teléfono, o correo electrónico ou as redes sociais. Para axilizar as interaccións a plataforma integrada en KLM conta cun sistema de intelixencia artificial que suxire respostas.
Polo momento este tipo de funcionalidades están en probas, e pode que tardemos meses en velas en España, pero resulta interesante ver como WhatsApp avanza para conseguir un modelo de negocio que poida sustentar o servizo agora que non cobra cotas anuais aos usuarios.

Vídeo no que podemos ver como sería o funcionamento da comunicación dunha liña aérea a través de WhatsApp

PUBLICIDADE