Webometrics sitúa á UDC entre o 7% de universidades con mellor rendemento web a nivel mundial

mércores, 14 de febreiro do 2024 S. P.

A UDC atópase entre o 7% de universidades con mellor rendemento web a nivel mundial. Así o fai saber o novo informe de Webometrics, que publica o o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desde o ano 2004, cada seis meses: unha clasificación académica sobre as institucións de educación superior de todo o mundo, tendo en conta a súa presenza e impacto na web.
O obxectivo desta clasificación é apoiar as iniciativas Open Access, así como promover o acceso electrónico ás publicacións científicas e a todos aqueles materiais de tipo académico. Na actualidade a clasificación inclúe case 12.000 institucións de educación superior (universidades, escolas, institutos, centros, facultades etc.) de máis de 200 países.
Na última edición desde ranking, publicada o día 31 de xaneiro, a Universidade da Coruña vén de acadar o posto número 33 de España, subindo ademais unha posición con respecto á pasada edición do informe, que engloba máis de 250 institucións académicas de todo o país.
A UDC mellora tamén a nivel europeo, situándose na posición 354 (356 na pasada edición) de entre as máis de 6.000 institucións avaliadas en toda Europa, e no posto 890, un máis arriba que na edición anterior, entre as máis de 11.000 institucións clasificadas a nivel mundial.
Estas cifras sitúan á UDC entre o 7% das universidades con maior rendemento web do mundo, entre o 6% das mellores institucións de Europa e no 12% das mellores de España.
Dentro do contexto do Sistema Universitario de Galicia, a UDC mantense na primeira posición con respecto á edición anterior, publicada en xullo de 2023. Cabe salientar que tanto a USC como a UVIGO ascenden no ranking, o que supón un bo resultado para as tres universidades públicas galegas.

PUBLICIDADE