Wayra procura medio cento de novos proxectos TIC en Europa e Latinoamérica

mércores, 29 de xaneiro do 2014 Redacción

A iniciativa Wayra, impulsada por Telefónica co obxectivo de axudar a que os proxectos emprendedores crucen a liña da supervivencia e se convertan en realidades sólidas, anunciou os días pasados a apertura dunha nova convocatoria global de ideas nas academias de Madrid, Barcelona, Londres, Praga, Bos Aires e Caracas. O prazo ficará aberto até o 23 de febreiro. Os negocios que os responsábeis de Wayra quere impulsar teñen en común o aproveitar as vantaxes que Internet e as novas tecnoloxías ofrecen para innovar. Nesta convocatoria teranse como eixos prioritarios servizos centrados na Internet das Cousas, sensores conectados con aplicacións, melloras para cidades intelixentes, grandes datos e tecnoloxías móbiles baseadas en HTML5 potencialmente integrábeis a Firefox OS.
Lembrar que Wayra presentouse recentemente en Santiago perante medio cento de profesionais das novas tecnoloxías e das telecomunicacións (do ámbito privado pero tamén das institucións públicas e dos centros de I+D da nosa terra). A cita foi no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, CNTG, e os asistentes fixeron fincapé no amplo potencial do programa de Telefónica para o tecido TIC galego, moi baseado en microempresas e PEME, que son boa medida o obxectivo de Wayra.
Esta iniciativa da operadora ten polo tanto a finalidade de impulsar proxectos de mercado con potencialidade de abrollar empresarialmente. Con esta iniciativa, Telefónica quere cubrir tódolos elos da cadea: dende labores de identificación de talentos no eido das novas tecnoloxías da información, en Europa e Latinoamérica, até as tarefas de pulo, apoio e asesoramento propiamente ditas. Wayra tamén abrangue a achega de ferramentas tecnolóxicas e de xestión, emprazamento físico e tamén, de subministro de financiamento (entre os 30.000 e os 70.000 dólares por proposta). Conta con 12 academias noutros tantos países, cubríndose cidades como Barcelona, Madrid, Bos Aires, México D. F., Londres ou Caracas.
Wayra, que significa vento en quechua, responde ao interese de Telefónica por revalorizar as ideas, o coñecemento e a innovación como unha das nosas principais fontes de riqueza, presente e futura. Segundo sinalaron os responsábeis da iniciativa na cita de Santiago, “este talento non sempre atopa a canle, o financiamento e o apoio para saír adiante, e a miúdo recorre á expatriación como único vieiro de desenvolvemento”. Para contrarrestar isto xurdiu, precisamente, Wayra:Co fin de apoiar de xeito integral os mellores talentos e para que non se vexan obrigados a emigrar cara a outros países na procura de oportunidades para o desenvolvemento dos seus proxectos”.
Volvendo á convocatoria coa que abrimos este texto, dicir que nun comezo haberá selección de proxectos e que tras este proceso de escolma, as mellores propostas poderán participar do programa de aceleración que lles prové de financiamento, mentores dedicados, formación e asesoría especializada, un espazo de traballo para o seu equipo na Academia Wayra e o potencial acceso aos negocios do Grupo Telefónica. Así mesmo, os emprendedores ingresarán na rede de traballo que Wayra ofrece coa súa rede de investidores, socios e expertos en distintas partes do mundo. Wayra posúe arestora unha carteira composta por máis de 315 empresas agrupadas en 20 industrias dixitais.

PUBLICIDADE