Warner comeza a vender películas como aplicacións para iOS

xoves, 17 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Así se ven as dúas primeiras aplicacións cinematográficas da Warner no iPad

Para explotar as posibilidades dos dispositivos con iOS coma plataforma de consumo audiovisual enriquecido, a Warner vén de publicar na App Store norteamericana aplicacións das películas Origen (Inception) e El Caballero Oscuro (The Dark Knight), que poden descargarse de balde para o iPhone, o iPod Touch ou o iPad e que ofrecen os primeiros 5 minutos das películas e contido adicional (coma as súas versións en formato físico) de xeito que tras o pagamento de 11,99 e 9,99 dólares respectivamente poden bloquearse as películas completas. No momento de escribir estas liñas, The Dark Knight: App Edition xa está dispoñible en España, podendo adquirirse dende tal aplicación a película de Batman completa por 7,99 euros.
Estes produtos van máis aló da simple compra das películas a través de iTunes, pois achegan contidos adicionais e a integración con servizos coma Twitter e Facebook. Entre os extras destas aplicacións tamén figuran galerías de imaxes con carteis das películas, fotografías de produción e bosquexos, sintonías e tons (que poden exportarse coma tons para o móbil), xogos de preguntas con cuestións relativas a secuencias das películas, múltiples idiomas e a posibilidade de gozar das pezas a través de streaming (cando teñamos acceso á Rede) ou a través de descarga (para poder gozar das mesmas cando non teñamos conexión a Internet).


As posibilidades da aplicación de The Dark Knight poden verse neste vídeo publicado por Warner

PUBLICIDADE