Walmart permitirá levar as películas en DVD e Blu-ray á nube

mércores, 14 de marzo do 2012 Marcus Fernández

A colaboración entre a cadea norteamericana Walmart e a plataforma de vídeo baixo demanda VUDU sorprende cun novo servizo chamado Disc to Digital, que consiste en que os consumidores poidan levar as súas películas en DVD ou Blu-ray ás seccións de revelado fotográfico dalgún dos establecementos de Walmart para a súa conversión en películas en liña que poidan verse dende numerosos dispositivos conectados (televisores, tablets, smartphones, consolas de videoxogos...) en calquera momento e lugar, para o que haberá que pagar 2 dólares por acceder aos vídeos en calidade estándar e 5 dólares pola súa versión en alta definición.
Para ofrecer este servizo chegaron a un acordo cos principais estudos de Hollywood (Paramount, Sony, 20th Century Fox, Universal e Warner) e supón un xeito de incrementar o valor de posuír películas en soporte físico (que non estará rifado coa comodidade do vídeo na nube). Botará a andar o 16 de abril en máis de 3.500 tendas de Walmart.
Con esta solución realmente non se carga na Rede copias das películas que leve en soporte físico o consumidor, senón que se autorizará o seu acceso a unha versión das mesmas en VUDU, o que supón un importante aforro (o prezo normal de compra de novidades é de 14,99 dólares para calidade estándar e de 19,99 dólares para alta definición), polo que estamos ante unha solución que podería convencer a moitos consumidores.


Vídeo promocional do novo servizo de Walmart e VUDU

PUBLICIDADE