WD avalía os xeitos de gardar información dos españois e cualifica o resultado de “caos dixital”

venres, 11 de outubro do 2013 Redacción

De caos dixital. Así cualifica a compañía multinacional Western Digital a situación actual do coñecemento acubillado a nivel español. As razóns principais para esta afirmación non son outras que as xa sabidas: que non se poñen en práctica medidas de seguridade axeitadas (poñemos datos de valor en discos duros ou acubillos únicos, sen copia de salvagarda, e expostos a múltiples ataques e intrusións) e que o que se garda en emprazamentos dixitais faise mal e arrastro, usando múltiples dispositivos que non veñen a conto ou poñendo os arquivos máis prezados en aparellos de escasa calidade e protección. En palabras de WD, “só o factor sorte pode previr a perda das fotos persoais, vídeos e arquivos persoais dunha boa parte dos usuarios españois”.
Estes e outros datos figuran nun estudo dado a coñecer pola multinacional este venres, no que entre outras cousas reflíctese que os fogares españois gardan os arquivos persoais en nada menos que 16 equipos diferentes e constata que un 75% deles nunca fai unha copia de seguridade. O estudo foi realizado entre 8.000 persoas de toda Europa de entre 16 e 55 anos, en coordinación co lanzamento das unidades My Cloud, a nova familia de solucións de nube persoal de WD. A investigación amosa que os españois (seguidos a moi pouca distancia por alemáns e italianos) son moitas cousas pero non precisamente organizados. De feito, unha cousa é o que din (o 89% das máis de 1.500 persoas enquisadas en España cren que son organizadas no seu día a día), e outra o que fan: gardan todos os seus datos nunha chea de dispositivos, incluíndo móbiles, tabletas, portátiles, computadores persoais e chaves USB, e a maioría, o 80%, emprega o portátil para almacenar os seus contidos, seguido do 77,6% que prefire o smartphone como sistema de almacenamento, para rematar co 74,5% que utiliza chaves USB. Segundo explica WD, “tan só o 64% dispón dun disco duro externo para gardar datos, pero malia todo non asegura que o utilice”.
Doutra banda, daqueles españois enquisados que non fan copia de seguridade, o 38,4% di que non ten tempo de facer un backup e o 12,5% que non pode preocuparse deste tipo de cousas. Ademais, o estudo salienta que ao redor do 12% non sabe facer unha copia de seguridade de todos os seus datos.
Vouri de Scott, responsábel do departamento de mercadotecnia de WD salienta co gallo da presentación do estudo que “se ben hai anos a xente tiña as súas fotografías reveladas e organizadas en álbums de fotos familiares, agora estamos mergullados nun caos dixital no que depende só da boa sorte á hora de previr a perda para sempre de arquivos e fotos dixitais; así case un de cada cinco españois no estudo de WD admite que non sabe como facer unha copia de seguridade de todos os seus datos importantes”.

PUBLICIDADE