Vueling renova a súa web con novas funcionalidades

xoves, 6 de novembro do 2008 Raquel Noya

Vueling, a compañía de baixo custo española, vén de estrear unha nova versión do seu sitio web, que introduce notables melloras respecto do deseño anterior e simplifica a procura de servizos dándolles máis visibilidade ás últimas promocións de prezos lanzadas pola empresa.
Deste xeito, os clientes da liña aérea que se conecten á páxina web oficial, accederán á información que lles interese de maneira moito máis doada e poderán mercar os billetes máis comodamente.
Con esta mellora, Vueling agarda incrementar o seu “nivel de conversión”, é dicir, aumentar o número de clientes que, unha vez que acceden á web, rematen “consumando o proceso de compra”.
O cambio máis obvio do novo sitio web de Vueling, prodúcese na súa aparencia, que conta cun deseño “máis lóxico” e cunha maneira máis cómoda de acceder aos diferentes segmentos de compra en liña: venda directa individual, a grupos, a axencias e a empresas. Estas catro canles representan hoxe máis do 75 por cento das vendas da firma.
Asemade, a remodelación contén menos ligazóns polo é máis doado navegar por el e atopar mellor as ofertas de voos atractivas para os nosos petos.
A web tamén destaca agora por permitir facer reservas de voos e hoteis á vez e por incorporar un novo criterio de procura na cal o pasaxeiro pode especificar a franxa de datas nas que está interesado.


Novidades nas reservas de grupos


As melloras na páxina contemplan tamén as reservas para grupos de entre 10 e 180 persoas, que teñen un apartado especial na web. A partires de agora, os que estean tramitando un grupo coa aeroliña, poderán solicitar en liña, cambios na reserva de xeito rápido, con claves de usuarios para poder xestionar as modificacións que precisen.
Asemade, a web ofrece a opción de solicitar unha oferta para un grupo informando de antemán o presuposto de que dispón por pasaxeiro; deste xeito, a aeroliña de baixo custe intentará, segundo anunciaron os seus responsables, “adaptarse ás posibilidades dos interesados, orientando os horarios, días e divisións de grupo en función do presuposto do que dispoñan cada un”.
Vueling.com tamén está dispoñible a través de teléfonos móbiles e PDA´s na dirección m.vueling.com, e nos idiomas: castelán, catalán, inglés, francés, italiano, holandés, portugués, éuscaro e galego.

PUBLICIDADE