Volven os problemas de recepción de e-mail en terminais BlackBerry

venres, 21 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Correo electrónico nunha BlackBerry Curve 8330 (imaxe de Ian Lamont)

O ano pasado o servizo de correo electrónico de BlackBerry quedou fóra de servizo durante 3 días consecutivos, o que supuxo un duro golpe para Research In Motion (RIM) por pór en tea de xuízo as súas infraestruturas e a seguridade dos seus servizos, principalmente dirixidos a un público corporativo claramente prexudicado pola incomunicación consecuente. E agora a historia parece que quere repetirse, e en Europa, Oriente Próximo e África están a rexistrarse incidencias na recepción do correo electrónico, asegurando dende a compañía que “están a traballar para resolver a incidencia”.
Noutras ocasións as incidencias estaban provocadas por fallos de conectividade dos operadores de telefonía móbil, pero este non é o caso, e compañías como Vodafone xa se distanciaron do problema, asegurando que afecta a todos os operadores por ser un problema de RIM.
Esta incidencia non podería chegar en peor momento, xa que hoxe é a estrea do iPhone 5 en varios países, e a perda de confianza na plataforma de BlackBerry podería contribuír a mellorar a imaxe do móbil de Apple.
ACTUALICIÓN: Finalmente o servizo de e-mail de BlackBerry estivo caído só durante unhas 3 horas, e dende RIM pediron desculpas aos seus usuarios.

PUBLICIDADE