Volven en setembro os obradoiros de SmartPEME con 32 actividades novas

xoves, 31 de agosto do 2017 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra, logo de presentar os resultados acadados pola súa rede SmartPEME ao longo deste último ano (uns resultados moi salientábeis tanto en número de accións de asesoramento como de participantes), retoma a actividade da mesma este mes de setembro. E faino con 32 novos obradoiros TIC a desenvolver durante catro semanas e na media de ducia de centros de operacións cos que conta SmartPEME: Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín. Polo que atinxe a Pontevedra, serán cinco actividades, todas elas no Edificio Administrativo da Deputación e en horario de 19.00 horas. A primeira desenvolverase o martes 5 de setembro e celebrarase baixo o seguinte epígrafe: Seguridade informática: conceptos básicos.
O xoves 7 impartirase A túa información sempre á man: almacenamento na nube. O seguinte mércores, día 13, A túa páxina web en menos de 90 minutos, ao que lle seguirá o venres 22 Imos chamar á porta da túa clientela: posicionamento SEO. Por último, o xoves 28 de setembro, desenvolverase o obradoiro Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo.
Polo que respecta a Vigo, incluirá as seguintes actividades: o mércores 5, A túa información sempre á man: almacenamento na nube, seguido de Como utilizar Instagram para promover a túa empresa o seguinte martes día 12. A seguinte semana, desenvolveranse Seguridade da información: protexe o teu smartphone o mércores 20 e Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope… o venres 22. Para rematar, o luns 25 desenvolverase o obradoiro que leva por título Unifica a xestión das túas redes con Hootsuite. Lembrar que a oficina SmartPEME de Vigo está emprazada na sede da Deputación da cidade, na Rúa Oporto, nº 3.
Polo que atinxe á oficina de Ponteareas, acollerá os seguintes obradoiros: o martes 5, Plataformas online para crear o teu e-commerce. O xoves 7 será a quenda de Facebook Ads, que dará paso o mércores 13 a Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial. O venres 15 seguiralle Seguridade informática: conceptos básicos e, por último, o xoves 21 desenvolverase Fotografía de vehículos para a súa venda online. A oficina de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5.
A oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o mércores 6 Mostrario virtual: a fotografía é o produto no medio en liña. O seguinte martes, día 12, A túa páxina web con Wordpress. Rendibiliza o teu perfil profesional aumentando seguidores en Facebook desenvolverase o xoves 14 de marzo, ao que lle seguirá Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas o luns 18. Despois, Como facturar electronicamente para as empresas e administracións públicas chegará o venres 22 e, a última quenda, será a de Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial o mércores 27. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
No que respecta a Cambados, todos os cursos celebraranse no Centro ExpoSalnés en horario de 19:00 horas. O luns 4 de setembro, A túa páxina web con WordPress. O xoves 7 impartirase Google Analytics: Iniciación á analítica web. O martes da semana seguinte, día 12, Xestiona o teu negocio desde o teléfono móbil, ao que lle seguirá o mércores 20 A túa información sempre á man: almacenamento na nube e, xa por último, o mércores 27 de setembro, desenvolverase o obradoiro Redes sociais para a empresa: é Twitter a túa solución?.
Por último, os obradoiros de Lalín terán lugar no Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000. As quendas para o mes de setembro son as seguintes, todas elas en horario de 19:00 horas: o martes 5 de setembro, A túa páxina web en menos de 90 minutos. O luns 11 impartirase Imos chamar á porta da túa clientela: posicionamento SEO. O seguinte mércores, día 13, Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais, ao que lle seguirá o martes 19 Rendibiliza o teu perfil profesional aumentado seguidores en Facebook. A seguinte quenda será a de Vén descubrir que son e para que serven as redes sociais o xoves 21 e, xa por último, o venres 29 de setembro, desenvolverase o obradoiro Xestiona o teu negocio desde o móbil.
O Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE