Volven as Distopías Cotiás con claves sobre a privacidade en tempos de COVID-19

luns, 27 de abril do 2020 S. P.

A semana pasada, se cadra máis necesarias ca nunca malia as moitas limitacións que impón a crise sanitaria e o Estado de Alarma, retomaron a súa actividade as Distopías Cotiás de Coruña Dixital, os encontros mensuais impulsados en colaboración coas Bibliotecas Municipais para impulsar a reflexión arredor dos impactos das tecnoloxías nas nosas vidas, unha reflexión colectiva, inclusiva e integradora (dende o comezo das sesións quíxose dar cabida a persoas de calquera ámbito, non só o das tecnoloxías). O equipo organizador destas xuntanzas quixo destacar a necesidade de reactivar as sesións, tentando achegar respostas ás moitas dúbidas que se nos presentan, “agora que o noso día a día rematou por converterse, tamén, nunha auténtica distopía cotiá”.
A temática da nova cita celebrada o 20 de abril xirou arredor das tensións que se están a producir no uso da tecnoloxía: entre a seguridade colectiva, o reto epidemiolóxico e os dereitos da cidadanía, especialmente a nosa privacidade. Na sesión, a primeira en celebrarse de maneira telemática, participou Gemma Galdón, analista e consultora de políticas públicas no ámbito dixital. Residente na cidade, está especializada no impacto social, legal e ético da tecnoloxía.
O encontro, que se emitiu en directo a través da canle de YouTube das Distopías, permitiu, igual que no formato orixinal, a participación do público. Para que non puidera acudir ofréceselle o vídeo da sesión.

PUBLICIDADE