Volven Os Sostibles para formar á rapazada no consumo de auga con cabeciña

luns, 20 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Augas de Galicia vén de lanzar un novo videoxogo de Os Sostibles para contribuír a un emprego máis racional dos recursos naturais, neste caso concreto o líquido elemento. A proposta, que xa conta con anteriores entregas en formación enerxética, ten outra vez como protagonistas a un equipo de extraterrestres que se dedican a ensinarlle á rapazada como facer un uso sustentábel da auga. Segundo contan Xornal e ECO, a mensaxe inclúe canles innovadoras se mire por onde se mire. En primeiro lugar, vén con feitura de videoxogo, o cal segue a ser innovador. En segundo lugar, non se dirixe como é habitual nestas campañas a actuar nos maiores para que estes lles aprendan ás nenas e nenos. Máis ben ao revés: búscase a rapazada educadora.
Deste xeito, o xogo, de tipo didáctico, ten potencial para chegar aos maiores a través do coñecemento que adquiran os cativos.
Como se dixo, o xogo está protagonizado por un equipo de extraterrestres, Os Sostibles, personaxes de cor verde que nos advirten que a Terra precisa unha serie de coidados. Os personaxes en cuestión teñen unha vantaxe engadida no seu proceso formativo: veñen dun planeta onde xa se loitou contra o cambio climático e o estrago de recursos naturais, polo que ninguén mellor que eles para aconsellar sobre isto. Entre as cousas concretas que se recomendan, inclúese a ducha sobre o baño ou o uso limitado de auga no lavado da louza ou dos dentes (pechando a billa cando non é precisa máis auga). O videoxogo vai dirixido a nenas e nenos de entre seis e doce ano. A distribución levarase a cabo en cinco treitos, a través dun reparto colectivo de CDs en lugares estratéxicos das cidades e das vilas. Tamén se levará o xogo aos centros de ensino, como lembra o INEGA.

PUBLICIDADE