Volve o curso de Computación Cuántica da UNED Ourense

venres, 3 de marzo do 2023 S. P.

Volve á cidade das Burgas o Curso de Introdución á Computación Cuántica, que se desenvolverá en UNED Ourense do 13 de marzo ao 15 de abril. Nesta edición veranse algúns conceptos de información e criptografía cuánticas, entre os que figura unha introdución a álxebra lineal.
O curso constará de 12 sesións de catro horas cada unha que comezarán o 13 de marzo e rematarán o 15 de abril, cando os seus estudantes adquirirán 1,5 créditos ECTS. As clases, que serán sempre pola tarde, impartiralas na aula de Informática José Luis López Fernández, profesor titor de Informática, enxeñeiro informático e catedrático de Tecnoloxía Informática no Ensino Secundario. O director do curso é Timothy Martin Read, profesor titular de Universidade do Departamento de Linguaxes e Sistemas informáticos na ETS de Enxeñería Informática da UNED.
A actividade permite ao estudante participar con asistencia presencial ou online en directo, para a primeira hai 12 prazas dispoñíbeis. A modalidade matrícula de estudantes é para alunnos alleos á UNED (outras universidades, ciclos de FP, Escola Oficial de Idiomas, Conservatorio de Música), que terán que achegar unha copia da matrícula do curso vixente 2022-23. Por outra banda, os demandantes de emprego enviarán un xustificante actualizado da súa situación.

PUBLICIDADE