Volve o 21 de abril a feira das mulleres científicas e tecnólogas da UVigo

venres, 14 de abril do 2023 S. P.

A Unidade de Cultura Científica vai celebrar este 21 de abril na praza de Berbés (Vigo) un evento destinado a combater a fenda de xénero no ámbito da investigación, reivindicando as importantes contribucións femininas á totalidade das ramas do coñecemento máis avanzado. Desenvolverase baixo o epígrafe A ciencia que vén ten nome de muller, e terá formato de expo-feira. Trátase da 2ª edición dun evento que na anterior convocatoria foi un éxito de participación (con 400 asistentes). A feira, que tamén terá actividades no edifico Redeiros e no planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro, contará coa participación do persoal investigador do centro atlanTTic (UVigo). De feito, da ducia de postos que acollerá o recinto do Berbés, dous contarán coa presencia de persoal investigador de atlanTTic, onde poderán achegar á cidadanía algúns dos seus proxectos.
Na presentación da expo-feira, celebrada este xoves 13 no edificio Redeiras, as vicerreitoras Belén Rubio e Mónica Valderrama incidiron no carácter lúdico da iniciativa, coa que a UVigo pretende seguir achegando a ciencia á sociedade dun xeito accesíbel e divertido. Ambas destacaron o impacto que accións como a expo-feira A ciencia que vén ten nome de muller teñen no grao de coñecemento que a sociedade ten a Universidade de Vigo. “Estes labores de difusión levan anos e esta feira celebrará a semana que vén a súa segunda edición, moi centrada no papel da muller na ciencia que é moi importante. Pero esta é unha carreira moi longa”, dixo Rubio, que destacou a importancia de traballar coas nenas desde que son pequenas para fomentar a vocacións científicas, amosándolles referentes, a través de iniciativas como as charlas que investigadoras da UVigo imparten en centros de primaria e secundaria de toda Galicia.
De Galicia ao espazo; Realidade virtual e realidade aumentada ou A importancia das algas microscópicas mariñas son os títulos dalgúns dos obradoiros que entre as 16 e as 19.30 horas desenvolveranse na praza do Berbés, que ademais contra o mediodía recibirá a visita de escolares e 5º e 6º de primaria dun centro educativo da contorna.
Deste xeito, tanto o alumnado, como o público que pola tarde visite a expo-feira poderá somerxese, da man das e dos investigadores da UVigo, a través de obradoiros e experimentos en ámbitos como o medio ambiente, a saúde, a tecnoloxía ou o patrimonio, as liñas temáticas desta edición do evento.
As actividades de A ciencia que vén ten nome de muller completaranse coa conferencia que a partir das 19.15 horas impartirá a investigadora en evolución do cancro do Cinbio da UVigo, Nair Varela Rouco, que fará un percorrido por historias de mulleres relevantes no eido da investigación. Pola súa banda, o Instituto Marítimo Pesqueiro organizará, a partir das 16.00 horas, unha visita ao planetario, guiada polo capitán da Mariña Mercante Adolfo García Campos. Esta actividade ten un aforo limitado a 40 persoas, polo cómpre que os interesados realicen unha reserva.
A expo-feira insírese no programa de actividades 2022-2023 de Ciencia de ida e volta, o plan anual da Unidade Cultura Científica (UCC) da UVigo, que conta cun orzamento de 128.000 euros sufragado con fondos propios e cunha achega da FECYT de 11.000 euros, o que supón un incremento do 29% con respecto ao orzamento de 2021/2022. Formación para o PDI ou as actividades desenvolvidas o 11F co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena e a Ciencia, son algunhas das accións que xa se levaron a cabo este curso ao abeiro do programa Ciencia de ida e volta.


PUBLICIDADE