Volve en outubro GaliciaTIC con recursos e formatos para combater tecnoloxicamente a pandemia

xoves, 1 de outubro do 2020 S. P.

GaliciaTIC, con probabilidade o encontro centrado nas novas tecnoloxías da información máis antigo da nosa terra, regresa este outono para pór de manifesto dúas cousas fundamentais: que tanto o formato elixido polo evento dende o seus inicios (un formato que se vai completar este ano cunha marcada viraxe cara ao virtual) como a temática (as novas ferramentas e as posibilidades que abren para impulsar as nosas empresas, o teletraballo, a xestión, a comunicación, a aprendizaxe, etc) resultan idóneos para superar os atrancos da COVID-19 e mesmo para combatela. A edición (a número catorce) deste ano celebrarase os días 14 e 16 de outubro, sendo o seu fío temático as Tendencias tecnolóxicas no futuro próximo (oportunidades para Galicia).
No novo escenario marcado pola pandemia e a necesidade de garantir a seguridade sanitaria dos asistentes, combinarase a posibilidade da asistencia virtual coa física, esta última centrada durante a mañá do dia 14.
Como nas anteriores edicións, GaliciaTIC contará cunha mesa da asociación Ineo, onde os membros da entidade empresarial TIC poderán explicar os seus produtos e servizos tecnolóxicos. O programa xeral do evento contará con relatores de empresas de primeiro nivel do sector, como Gardner, Oracle, Orange, E&Y ou Deloitte, entre outras. O programa artellarase en debates, conferencias, demostracións e webinars, ademais de showrooms virtuais e as actividades propias do espazo de networking.
GaliciaTIC ten a día de hoxe aberto o prazo de inscrición. O obxectivo da organización é converter o evento “nun foro de reflexión e debate sobre o novo escenario marcado polo COVID-19”, abordando as diferentes tendencias tecnolóxicas, as empresas dixitais e conectadas e as oportunidades que brindan para Galicia.
O foro, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), ten asistencia gratuíta, pero require inscrición previa que pode realizarse solicitando un convite aos patrocinadores ou organizadores do evento e cubrindo o formulario creado para tal na web de GaliciaTIC.
GaliciaTIC2020 conta co respaldo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), EDISA, GBTEC, Imatia, Inycom, Oracle, Orange, R, Deloitte, Leyton, OpenSoft e Sistemius.

PUBLICIDADE