Volve en abril a Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo

xoves, 12 de xaneiro do 2023 S. P.

Despois da paréntese de tres anos pola COVID, a Escola de Enxeñería Industrial (EEI) de Vigo recupera a súa Competición de Robots que chega este ano á súa sexta edición celebrándose o 21 de abril na dita EEI. Neste encontro de robots deseñados polo alumnado de ESO, Bacharelato, universidades e FP. estrearanse as modalidades BE-ROBOT e DeMO-ROBOT, que substitúen ás tradicionais WALL-e e R2D2, amais de contar cun kit mellorado, o mBot 2, respecto aos de anteriores edicións, que achega máis posibilidades ás e aos participantes, que tamén disporán dalgunhas actividades para desenvolver nos centros de ensino, explica o director da EEI, Juan Pardo Froján.
Esta Competición de robots botaba a andar hai oito anos, co obxectivo de achegar a Universidade ao alumnado de ensino secundario e Bacharelato, amais de promover as titulacións da Escola de Enxeñería Industrial, fomentar o interese do alumnado polas disciplinas STEM e polos estudos de enxeñaría.
Indo ao miolo da Competición de robots: Segue a liña ‘marchoso’ e Velódromo ‘mareante’ son as dúas probas que terán que enfrontar o alumnado de ESO e Bacharelato que competirá, en equipos de entre catro e seis compoñentes; na categoría BE Robot, na que terán que, no primeiro caso, dar unha volta completa a un circuíto marcado no chan o máis rápido posíbel, evitando todos os atrancos e, no segundo, completar o número de voltas no menor tempo posíbel a un recinto circular, no que tamén deberán sortear obstáculos formados por cilindros, situados nos extremos dos diámetros perpendiculares. Pola súa banda, o alumnado universitario e de FP, que participará na categoría DeMO-ROBOT en equipos cun máximo de seis integrantes, deberá facer fronte a catro probas: Rastrexo, Labirinto e Triplo ensaio con illa, todas elas individuais, e a unha proba colectiva denominada Sumo, na que un único robot aspira a quedarse no ring.
Os equipos que desexen participar na Competición de robots teñen de prazo deica o 30 de xaneiro para inscribirse, para o que deberán cubrir un formulario que atoparán na web da Escola. As prazas están limitadas a 156 equipos na categoría Be Robot, cun límite de 10 equipos por centros.

PUBLICIDADE