Voluntariado Dixital amosa o seu traballo perante Castela e León

venres, 5 de decembro do 2014 Redacción

Este venres celébrase en todo o mundo o traballo desinteresado polos demais. Falamos do Día Internacional dos Voluntarios, unha importante conmemoración que na nosa terra tamén está a deixar pegada. E, en boa medida, unha pegada dixital. Entre as entidades que están a celebrar a xornada atópase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, que participa nunha xornada en liña de voluntariado tecnolóxico xunto coa Dirección Xeral de Xuventude e os responsábeis do Programa de Voluntariado Tecnolóxico da Xunta de Castela e León. AMTEGA amosa na cita os detalles da iniciativa tecnolóxico-solidaria de seu, o programa de Voluntariado Dixital. Os detalles debullaranse a través da experiencia dun dos 400 e-voluntarios adheridos ao programa. Segundo informa a Axencia, da iniciativa xa se beneficiaron máis de 3.800 persoas en Galicia.
José Luís Varela, administrador de sistemas informáticos será, precisamente, o voluntario do programa que compartirá a súa experiencia en actividades de alfabetización dixital para persoas maiores na Asociación Sociocultural Os Tilos e a través do proxecto Santa Comba na Memoria. Trátase dunha web para o recordo e un repaso á historia do século XX do concello, accesible no enderezo santacombanamemoria.es. A través de máis de 5.000 fotografías, Santa Comba na Memoria abre unha xanela ao pasado de Santa Comba desde o ano 1900 e reúne nun mesmo espazo os retrincos de historia gardados en papel durante un século nos fogares dos veciños.
Voluntariado Dixital é unha iniciativa posta en marcha en febreiro de 2012 que conta xa con máis de 400 persoas voluntarias e formáronse máis de 3.800 persoas a través dos apoios dixitais que se prestan. Ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe de poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade. “Este último trimestre”, sinala AMTEGA, “leváronse a cabo 8 apoios dixitais grazas á participación de 6 voluntarios e, ata o momento son xa 70 as Entidades de Acción Voluntaria que colaboran co Programa de Voluntariado Dixital para promover accións de alfabetización dixital que faciliten a e-inclusión da nosa sociedade e diminúan a fenda dixital”.
No Día Internacional dos Voluntarios (DIV) 2014, ademais de celebrar o voluntariado en todas as súas vertentes, réndese especial tributo á participación das persoas que contribúen ao cambio a nivel local, nacional e global, poñendo especial atención á contribución dos voluntarios que involucran ás persoas desde os alicerces no proceso de toma de decisións, para finalmente crear un espazo de participación, que leva a gobernos máis fortes, á cohesión social, á paz e ao desenvolvemento sustentábel.

PUBLICIDADE