Vodafone xa conta nas súas tendas con dous smartphones propios con 4G e NFC

xoves, 3 de xullo do 2014 Redacción

A operadora de telefonía Vodafone España vén de anunciar este mes de xullo a comercialización de 2 novos smartphones de marca propia con 4G e NFC para pagos con Vodafone Wallet. Máis polo miúdo, estamos a falar do Vodafone Smart 4 Power e do Vodafone Smart 4 Turbo. O Vodafone Smart 4 Power, dispoñíbel en cor negra, é un teléfono intelixente de alta gama que permite realizar streaming de vídeo de alta calidade, escoitar audio con son cristalino e gozar de descargas instantáneas coa rede 4G da compañía.
Amais, inclúe pantalla de alta definición de 5 polgadas qHD IPS, procesador de catro núcleos a 1,3 Ghz, 1XB de RAM, cámara de 5Mpx, batería de longa duración de 3000 mAh e NFC para pagamentos no móbil con Vodafone Wallet. Tamén conta cunha memoria de 4XB e fendedura Micro SD para ampliala. Estará dispoñible por 0 euros de custo inicial e 28 euros ao mes IVE incluído con Smart M, que achega 200 minutos e 800MB ao mes para navegar. Estes prezos son válidos para clientes de contrato portados doutra compañía e inclúen permanencia de 24 meses en Vodafone e de 18 meses na tarifa elixida. Tamén se pode adquirir sen permanencia por 179 euros IVE incluído.
En canto ao Vodafone Smart 4 Turbo, dicir que conta coa última versión de Android 4.4 Kitkat e 1XB de memoria RAM para que os clientes poidan gozar das apps e xogos de Google Play. Asemade, conta cun procesador de catro núcleos a 1,2 Ghz, pantalla de 4,5” e unha batería de 1800 mAh. Vodafone Smart 4 Turbo permite acceder a Internet cunha velocidade 4G de até 150 Mbps en descarga de datos e conta con NFC para pagamentos móbiles coa app Vodafone Wallet. Estará dispoñíbel en cor branca por 0 euros de custo inicial e 26 euros ao mes (I.V.E. incluído) con Smart M, que consta de 200 minutos e 800MB ao mes para navegar. Estes prezos son válidos para clientes de contrato portados doutra compañía e inclúen permanencia de 24 meses en Vodafone e de 18 meses na tarifa elixida. Tamén se pode adquirir sen permanencia por 129 euros IVE incluído.
Engadir, por último, que os smartphones marca Vodafone tamén están dispoñibles para autónomos, empresas e administracións. Por exemplo, institucións como Cruz Vermella Española xa confiaron nos terminais marca Vodafone para as súas comunicacións de voz e datos.

PUBLICIDADE