Vodafone publica información sobre a vixilancia dos gobernos nas súas redes

venres, 6 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Nun acto de grande valentía e transparencia, o operador de telecomunicacións Vodafone vén de publicar un informe sobre o xeito no que colaboran coas autoridades locais nos países nos que ten presenza para o cumprimento da lei, dentro das súas posibilidades (pois en países como Albania, Exipto, Hungría, India, Malta, Catar, Romanía, Sudáfrica e Turquía incluso é ilegal dar información con respecto á relación do operador co Goberno), alertando no excesivo de control de certos países sobre as comunicacións dos seus cidadáns.
Dos 29 países que cobre o informe destaca o feito de que en 6 casos a lei local obriga á compañía a facilitar que os gobernos poidan acceder directamente á súa rede, de xeito que poden establecer sistemas de vixilancia indiscriminada e sen ningún tipo de garantía para os cidadáns.
O informe amosaría que Malta é un dos países máis espiados de Europa, con 3.773 solicitudes de información das autoridades só a Vodafone, o que é un volume moi elevado se temos en conta que a illa ten unha poboación de 420.000 habitantes.
Non falta información sobre España, comentándose que as ameazas terroristas levaron a que Vodafone recibise máis de 24.000 solicitudes, o que pode parecer elevado, pero é unha nimiedade se o comparamos ás 606.000 solicitudes que Vodafone recibiu en Italia (ao parecer, pola alta presenza da Mafia). De comparar a España con algún outro país, deberiamos facelo con Irlanda, pero a súa lexislación anti-terrorista impide que se publiquen datos ao respecto. Tras Italia, o país con máis solicitudes presentadas sería a República Checa, con 196.000 peticións.

PUBLICIDADE