Vodafone prolonga a súa aposta polo turismo accesíbel

venres, 15 de novembro do 2013 Redacción

Xa sabiamos do compromiso que comparten PREDIF (Plataforma Representativa Estatal de Discapacitados Físicos) e a operadora Vodafone no camiño de fomentar experiencias de viaxes e coñecemento de outros lugares a medida de todo tipo de colectivos con diversidades funcionais e motrices. Sabiamos deste compromiso entre outras cousas porque foi amosado en detalle en Compostela. Do que non tiñamos constancia era de que ía ter continuidade no tempo a través de actividades futuras que sigan a liberar monumentos, paraxes naturais, establecementos ou restaurantes de todo tipo de atrancos físicos. Francisco Sardón Peláez, presidente da Plataforma, e Santiago Moreno, director xeral da Fundación Vodafone, deron a coñecer esta semana a prolongación do acordo. Realizarase entre outras cousas unha guía sobre rutas enolóxicas accesíbeis que se publicará na web específica de PREDIF e na aplicación móbil Tur4all.
O convenio comprende tamén a presenza de ambas as entidades nas principais feiras do sector que se celebran no Estado para ofrecer información aos visitantes sobre a oferta turística sen barreiras. Por outra banda traballarase para concienciar ás empresas deste eido produtivo da importancia da accesibilidade universal e o deseño para todos á hora de xerar unha completa oferta de lecer.
Asemade, realizarase a devandita guía, con información das rutas do viño da xeografía estatal e da súa oferta turística complementaria que reúnan un nivel óptimo de accesibilidade para persoas con diversidades funcionais. “Incluirá unha descrición detallada sobre o nivel de accesibilidade física, visual e auditiva das diferentes estancias e servizos que ofrecen, así como unha breve información sobre a súa localización e contorna”, informaron Sardón e Moreno. Esta nova guía complementará outras iniciativas postas en marcha por ámbalas entidades como as guías de turismo accesíbel publicadas en anos anteriores.
Para o director xeral de Fundación Vodafone España, este acordo vén a “remarcar un esforzo continuado entre ambas as entidades, onde aprendemos o que as novas tecnoloxías achegan ao lecer sen barreiras en España”. A guía, dixo, “será unha ferramenta eficaz que reflectirá os valores turísticos do país e contribuirá a atraer xente doutros países”.

PUBLICIDADE