Vodafone presenta a xira de obradoiros empresariais Fast Forward, que pasará pola Coruña

mércores, 7 de outubro do 2015 Redacción

Vodafone fixo públicos este martes os detalles da súa iniciativa Fast Forward, programa de sesións formativas e motivadoras dirixido a profesionais e empresas que “buscan aumentar a competitividade e facer máis rendíbeis os seus negocios”. E, tamén, a converter as súas ideas e os seus proxectos en realidade. Segundo informa a compañía, trátase dun proxecto que marca as diferenzas con respecto a ouros semellantes: “É unha iniciativa transformadora e diferente deseñada para ofrecer todo o preciso en innovación e tendencias”. O programa artéllase nunha xira de 30 eventos que pasará por outras tantas cidades do ámbito estatal. Respecto da nosa terra, a parada será na Coruña o día 4 de febreiro.
O itinerario de eventos abranguerá relatorios e obradoiros especializados en comercio electrónico, internacionalización, redes sociais, innovación, posicionamento web, sistemas de xestión ou mantemento no tempo de clientes, entre outras cuestións ligadas ás TIC e aos negocios.
O obxectivo é situar Internet e as solucións avanzadas de conectividade “como o epicentro de desenvolvemento de moitas ferramentas e habilidades que poden adquirir durante as xornadas”. Ao fío deste punto, Vodafone lembra que as porcentaxes e uso de tecnoloxía e Internet nas empresas e profesionais españois “son aínda baixas”. Así, segundo os estudos recentes dos que bota man a operadora, “menos do 30% dos autónomos teñen website, e existe un déficit de coñecemento xeneralizado nos beneficios reais que supón a Rede nos negocios”.
As sesións Fast Forward empezan na cidade de Alacante. O aforamento é limitado, só 100 asistentes por cada evento. Os contidos das sesións teñen buscan achegar a cada participante a un coñecemento ou experiencia práctica que poida aplicar na súa actividade empresarial trala sesión.

PUBLICIDADE