Vodafone presenta a súa oferta converxente anunciando a ampliación da súa rede de fibra en Galicia

mércores, 15 de abril do 2015 Redacción

Vodafone presentou hoxe a súa nova oferta de servizo converxentes de telefonía móbil, telefonía fixa, acceso á Internet e televisión, que estaría dispoñible a partires do vindeiro día 20 grazas á adquisición de Ono e, en vista de que hai comunidades autónomas nas que o operador de cable absorbido carecía de rede propia, aproveitaron a ocasión para anunciar que a o operador vai facer un novo despregamento da súa rede de fibra en varios territorios entre os que se atopa o galego. A nova rede de fibra, xa presente en Vigo, ampliarase na cidade olívica e levarase a Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Pontevedra, nun desenvolvemento de rede que realizarase de xeito conxunto con Orange.
A oferta converxente de servizos da compañía británica comercializarase baixo a marca Vodafone One, e supón unha aposta pola banda larga ultra-rápida tanto en fibra como en 4G, aínda que non limitará a súa comercialización nas zonas nas que conte con rede de fibra, senón que tamén se comercializará este servizo onde conte con cobertura VDSL (tecnoloxía a través da que comercializan conexións de até 30 Mbps).
Os clientes poderán configurar os servizos de Vodafone One segundo as súas necesidades, de xeito que poderán optar por velocidades de 200, 120, 60 e 30 Mbps no fogar, incluíndo tarifa plana de chamadas a teléfonos fixos nacionais e 60 minutos/mes a móbiles, que poderán completarse con distintos volumes de voz e datos en telefonía móbil (dende 200 minutos de voz até minutos ilimitados e paquetes de datos de entre 1 e 4 GB/mes). No caso da televisión, o servizo chegará tanto a través de fibra como a través de VDSL.
Adicionalmente os clientes de Vodafone One poderán acceder á rede sen custo adicional a través da rede de puntos de acceso Vodafone WiFi, que presume de 1 millóns de puntos de acceso en España e 14 millóns no resto do mundo. Tamén será posible agregar liñas móbiles adicionais ao contrato de Vodafone One.
Aínda que a nova rede de fibra óptica, que nos vindeiros 15 meses pretende chegar a máis de 250.000 unidades inmobiliarias en Galicia, é un dos grandes reclamos de Vodafone One, o punto forte do operador é sen dúbida a súa rede 4G, compatible con LTE-A (que permite descargas até a 300 Mbps) e chega ao 74% da poboación galega, xa que conta con presenza en 135 concellos, o que supón que nas principais poboacións galegas poidamos gozar dunha banda larga móbil de calidade, preparada para os servizos de nova xeración.
O servizo ao que posiblemente non estean afeitos os usuarios de Vodafone, que agora potenciarse con Vodafone One, será Vodafone TV, que vén a ser a televisión intelixente de Ono desenvolvida sobre TiVo, que inclúe unha ampla oferta de canles en alta definición, sistema de gravación intelixente, a posibilidade de pausar as transmisións en directo, poder gravar até 3 canles á vez, recibir recomendacións personalizadas e incluso empregar aplicacións como YouTube directamente no televisor. Complétase cunha oferta de vídeo baixo demanda con películas, series de televisión, contidos infantís e documentais con máis de 3.000 referencias da que o 80% non tería custo adicional.
Vodafone One tamén estará dispoñible para empresas a través de servizos exclusivos que permiten, por exemplo, ter un televisor nun local público coa pertinente licenza ou poder ofrecer contidos televisivos en establecementos de restauración (incluíndo as canles Canal+ Liga e Canal+ Liga BAR).

Taboa con parte dos prezos de Vodafone One (inclúen IVE e son válidos até o 30 de xuño)

PUBLICIDADE