Vodafone presenta Call+, un servizo de voz sobre LTE con moita marxe multimedia
luns, 2 de marzo do 2015
Vodafone España
presentou
esta fin de semana o servizo Call+, unha iniciativa encamiñada a
mellorar a experiencia de chamada dos usuarios, posibilitando
compartir fotografías, contactos, mapas e vídeos en tempo real.
Segundo apunta a operadora, trátase dunha mestura entre servizo de
mensaxería instantánea (iso de permitir enviar e recibir imaxes ou
outro tipo de arquivos e de que se poida facer ao momento) e servizo
tradicional de voz, un factor de comunicación que Vodafone quere
reivindicar a través de Call+ por ser “moito máis emocional e
persoal”. Ou sexa, porque coa voz redúcese o factor de incerteza
sobre o estado de ánimo do noso interlocutor (cousa que con servizos
de escrita costa máis deducir).
Call+, sinala a compañía,
utiliza a tecnoloxía voz sobre LTE, VoLTE, que é un novo estándar
da industria das telecomunicacións que, a xuízo de Vodafone, é
“cen por cen interoperábel (apoiado pola GSMA) e permite realizar
e recibir chamadas a través dunha conexión de datos coa fiabilidade
e seguridade da rede 4G de Vodafone”. E engade a empresa: “O uso
de VoLTE permitirá aos clientes de Vodafone España por primeira vez
gozar de servizos de datos durante unha chamada de voz”.
No que se refire ao seu
funcionamento, consiste primeiro (antes de chamar) en personalizarmos
unha chamada e facela máis efectiva con opcións variadas: cousas
como definir a importancia do reclamo, engadir un asunto, enviar a
localización ou achegar unha imaxe. Logo, o destinatario que recibe
a chamada poderá ver toda esta información na pantalla do seu
teléfono xunto ao nome do contacto que lle chama. Durante a
conversa, sinala Vodafone, poderemos tirar partido da tecnoloxía 4G.
Así, mentres falamos, estaremos en disposición de enviar arquivos,
fotos, vídeos, datos sobre a nosa localización actual ou engadir
vídeo en en tempo real á chamada. A operadora ten proxectado
permitir, no futuro, que os interlocutores poidan escoitar unha
canción ou ver un álbum de fotos ao mesmo tempo.
Despois da conversa,
todos os datos compartidos estarán dispoñíbeis no rexistro.
Ademais, nos reclamos non contestados, o emisor pode gravar ou
escribir unha mensaxe para que o receptor poida escoitalo ou lelo
desde a notificación da chamada perdida.
Call+, na súa versión
aplicación, estará accesíbeis para beta testers con
dispositivos con Android 4.0 ou superior nas vindeiras semanas. A
versión definitiva chegará os vindeiros meses.