Vodafone pídelle a Telefónica 670 millóns de euros

luns, 15 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O eido das telecomunicacións español vén de espertar este luns cunha nova de peso. E nunca mellor dito, tendo en conta que o asunto mestura e implica a dúas compañías que adoitan a xustificar informacións nas planas por separado, aparecendo desta volta xuntas e non precisamente nun ambiente de amizade senón sobre a lona do ring. Estamos a falar de Vodafone e Telefónica, dous grandes da telefonía móbil que, segundo apunta hoxe Elpais.com, van verse en breve as facianas nos xulgados. O motivo? A acción de mercado de Telefónica (puntual e xenérica) que, a xuízo de Vodafone, ponlle ao resto das empresas un atranco tras outro no camiño da libre competencia. As esixencias da operadora inglesa (segunda en volume de mercado e clientes en España) resúmense en liñas xerais en 670 millóns, cifra que ao xuízo constituiría unha compensación polos “danos” provocados nos seus primeiros anos de actividade no país, cruciais para acadar un asentamento firme no mercado.
Asemade, a compañía tamén alega terse visto moi prexudicada por Telefónica ao ter que pagar cartos de máis co obxectivo de crear unha rede.
Tendo en conta iso, semella que a xustiza xa está a pechar fileiras arredor de Vodafone, e que a demanda e a multa complementaria teñen moitas posibilidades de ir cada a adiante, co que estaríamos perante a sanción de maior envergadura até a data imposta á operadora española.

PUBLICIDADE