Vodafone ofrecerá conexións de fibra a 1 Gbps

venres, 15 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A carreira pola banda larga leva uns anos co pé no acelerador, e unha vez comezada a competencia na fibra óptica puidemos gozar da simetría a velocidades superiores aos 100 Mbps, e agora Vodafone sube o listón que parecía fixado nos 300-500 Mbps e anuncia que a partires do 25 de setembro ofrecerá a máis de 4 millóns de unidades inmobiliarias conexións de fibra con velocidades de descarga de até 1 Gbps, que irá espallando progresivamente ao resto da súa rede, converténdose no primeiro operador en facer tal para o mercado doméstico español.
Con esta medida Vodafone quere atender á crecente demanda de largo de banda por mor dos contidos de vídeo en ultra alta definición, o xogo en liña e moitos outros servizos baseados na Internet.
As novas conexións a 1 Gbps para fogares e empresas terán un prezo de 65 euros/mes con só fibra (oferta que estrearase o 11 de outubro) ou dende 82 euros/mes con Vodafone One, o que tamén inclúe Vodafone TV, acceso a HBO, Netflix e a todos os contidos de fútbol e motor, roaming en EE.UU e Europa, chamadas ilimitadas dende o fixo e un código para poder gozar de PlayStation Plus de balde durante 1 ano.

PUBLICIDADE