Vodafone ofrecerá aos seus clientes os contidos de música en streaming de Napster

luns, 21 de outubro do 2013 Redacción

Vodafone España e Napster anunciaron os días pasados un acordo de colaboración para ofrecer todos os contidos do servizo de música en streaming aos seus clientes en múltiples dispositivos, e todo, informan, coa calidade da rede 4G e 3G da operadora e con ofertas exclusivas materializadas a través de dous servizos específicos. Por unha banda Napster Unlimited, achega multidispositivo que permite o acceso ao catálogo completo de cancións de Napster por 7 euros ao mes (o primeiro mes de balde), e pola outra Napster Lixeiro, que permite aos clientes gozar de sesenta streams no seu teléfono intelixente por dous euros ao meses durante un período de medio ano.
Segundo informan as dúas empresas, o primeiro servizo xa está dispoñíbel en exclusiva para calquera cliente de Vodafone España (fornecendo acceso ao catálogo musical sen escoitar publicidade) e Napster Lixeiro estarao nas vindeiras semanas. En total, estamos a falar dun catálogo de máis de 20 de millóns de cancións a nivel mundial: o catálogo de Napster en streaming, accesíbel como aplicación (con ou sen conexión de datos) para os principais smartphones e tablets nas plataformas IOS e Android (tamén se pode acceder desde o PC ou Mac). As achegas desta empresa permiten, ademais, crear listaxes e compartilas cos contactos, escoitar emisoras de radio e, a maiores, sincronízase de maneira automática entre todos os dispositivos do usuario. Tamén pode utilizarse a través de conexión Wi-Fi.
Thorsten Schliesche, vicepresidente en Europa de Napster, comentou ao fío do acordo con Vodafone: “Sabemos que os seareiros da música en España están estreitamente ligados ao mundo dixital, confirmando a España como líder en Europa na adopción de teléfonos intelixentes; neste senso a cooperación con Vodafone é unha oportunidade inmellorábel de ter un acceso fácil e ilimitado ao noso servizo premium de música en streaming, en calquera intre e en calquera lugar”. Con estas achegas, engadiu, “ofrecemos aos amantes da música unha maneira excelente de descubrir e estar ao día coas tendencias musicais máis populares”.
Branca Echániz, directora de Servizos de Consumo da Unidade de Negocio de Particulares de Vodafone España, comentou: “En Vodafone sempre apostamos por ofrecer o mellor servizo e os mellores contidos aos nosos clientes, sendo a música un dos contidos máis apreciados, e de aí a nosa alianza con Napster”.

PUBLICIDADE