Vodafone mellora a calidade das chamadas coa tecnoloxía Voz HD

xoves, 16 de outubro do 2014 Redacción

Vodafone anunciou este mércores a actualización integral da súa rede 3G e HSPA+ en toda España coa tecnoloxía de voz en alta definición (Voz HD). Esta incorporación, sinala a operadora, posibilitará chamadas “máis nidias e claras”, minimizándose o son de fondo e sen que sexa preciso trocarmos de terminal. En definitiva, a actualización pon en xogo “un son máis natural” e “un mellor recoñecemento da voz no transcurso das chamadas”. O despregue levouse a cabo en colaboración con Huawei e Ericsson.
Voz HD, engade a compañía, pode gozarse en máis de 130 terminais compatíbeis, entre os que Vodafone salienta os seguintes: iPhone 6 e iPhone 6 Plus, Samsung Galaxy S4 e S5, LG G3, Nokia Lumia 635, BlackBerry Z 10, Smart 4 Power, Smart 4 Turbo ou os fixos de sobremesa Neo 4000. A previsión é que a esta tecnoloxía se vaia estendendo de xeito progresivo ao resto do catálogo da compañía e sen ningún custe para os clientes.
Sinalar tamén que acompañando esta novidade, Vodadfone está a levar a cabo diferentes probas en varios puntos da xeografía estatal coa tecnoloxía de Voz sobre LTE (VoLTE), que nos vai permitir facer chamadas de voz en Alta Definición (HD Voice) sobre a rede 4G con tempos de establecemento inferiores a un segundo. Isto, explica Vodafone, “abre a porta a servizos avanzados e interoperábeis que facilitan a comunicación multimedia e a colaboración ao mesmo tempo que se realiza a chamada de voz”. Esta tecnoloxía estará dispoñíbel comercialmente nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE