Vodafone levará Internet aos centros culturais municipais de Ponte Caldelas

venres, 23 de outubro do 2015 Redacción

Casa consistorial do concello pontevedrés de Castro Caldelas/ Imaxe da Galipedia

O Concello pontevedrés de Ponte Caldelas vai poder aforrar até o 50% do seu gasto telefónico actual tras un acordo asinado coa operadora Vodafone destinado, entre outras cousas, a acometer a renovación de tódolos terminais telefónicos xestionados pola administración local. Asemade, o contrato diríxese a equipar con Internet (tecnoloxías 4G e 3G) os centros culturais do termo municipal. Nesta liña de fornecer cobertura aos espazos de reunión e actividades da veciñanza, o contrato asinado entre o Goberno local e a compañía de telecomunicacións permitirá que o Centro Sociocultural de Forzáns dispoña de “conexión ao ciberespazo despois de máis de catro anos desta solicitude veciñal”, informaron fontes do Concello.
O contrato, que obrigará a unha permanencia con esta compañía telefónica de dous anos, permitirá aplicar un sistema de tarifado “moito máis económico có actual”, sinala o Goberno local, que engade que tamén se mellorará “o servizo con novos terminais que anovarán por completo a tecnoloxía dispoñíbel até o de agora no Concello”. O alcalde Andrés Díaz amosou a súa satisfacción polo acadado na sinatura con Vodafone, máis que nada por o contrato dá solución “aos problemas que padecían varios centros culturais municipais no rural do concello que, a partir de agora, poderán dispoñer de internet, ferramenta imprescindíbel e que é cada vez máis demandada tanto por mozos como por usuarios de tódalas idades”. No que se refire ao aforro, sinalou que este “permitiralle á Administración local dispoñer de meirande operatividade económica para poder adicala a atender demandas veciñais para mellora-la calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

PUBLICIDADE