Vodafone lanza unha oferta de verán que dobra datos e minutos de chamadas

xoves, 9 de xullo do 2015 Redacción

Vodafone está a vivir verán cunha serie de novidades importantes para os usuarios. Sen ir máis lonxe, esta mesma semana reflectimos dende Código Cero o remate dos traballos de despregamento da tecnoloxía Voz 4G en toda a súa rede 4G+, e onte dimos conta dunha importante renovación da súa oferta converxente (Vodafone One). Pois ben, aínda máis, porque estes días tamén soubemos da posta en marcha para este verán dun agasallo de servizo para os clientes da operadora en España. Trátase, máis polo miúdo, de achegar o dobre de Mbps e minutos para os usuarios de contrato e para os novos usuarios. A oferta estará dispoñíbel até o 31 de agosto e o requisito que se pide é pagar dous euros máis.
A idea de Vodafone con estas novidades é que “tanto particulares como autónomos e PEME poidan aproveitar ao máximo durante o verán a rede 4G e 4G+ máis rápida do mercado español”. A oferta, para facernos unha idea do seu alcance, permite por exemplo que un cliente co plan Rede L que xa goza de chamadas sen límite teña 10 GB en troques de 5GB de datos, e un cliente con Smart S conte con 400 minutos de chamadas e 3 GB (no canto dos 200 minutos e o 1GB de saída). A iniciativa é válida para clientes con tarifas de móbil, clientes de Vodafone One, clientes de +liñas, clientes de contrato con Vodafone Yu e clientes de Ono móbil con tarifas para falar e navegar. A promoción pódese activar por teléfono, chamado ao 1444 dende o 15 de xullo.

PUBLICIDADE