Vodafone lanza un escaparate-certame de novos grupos musicais

venres, 22 de marzo do 2013 Redacción

O operador Vodafone está a impulsar unha iniciativa para o pulo da creatividade musical e, máis polo miúdo, para que no medio dunha crise xeneralizada que hai tempo que non dá respiro ao sector (sexan artistas ou selos de publicación, sexan firmas grandes ou pequenas, tradicionais ou innovadoras), os músicos poidan ter terra firme para seguir facendo concertos e publicando as súas obras. Falamos de Vodafone yu: Music Talent, unha proposta para botar unha man “aos artistas que comezan a dar os seus primeiros pasos no eido da música e que non o teñen doado para ofrecer actuacións aos seus seareiros”.
Máis polo miúdo, trátase dunha convocatoria lanzada a nivel nacional e que se vai artellar a través dun concurso en liña no que se elixirán as formacións que complementarán as xiras dos artistas xa afianzados que Vodafone vai levar por toda España (por medio de Vodafone yu: Music Shows). Para entendernos, Music Talent é un concurso para que os seareiros-internautas elixan quen debe acompañar a Amaral, The Klaxons, Russian Red, Lori Meyers ou Dorian no seu itinerario estatal patrocinado por Vodafone. O prazo de inscrición para participar en Music Talent remata o vindeiro 4 de abril. Cómpre formalizala a través de vodafoneyumusicshows.es. Os catro grupos finalistas gañarán 3.000 euros cada un en instrumentos musicais e o gañador outros 3.000 euros adicionais e a gravación dun disco. Todo isto farase por votación popular na Rede, publicándose na web o nome dos seleccionados o vindeiro 16 de abril. Un xurado de expertos musicais dará o último paso e elixirá os catro finalistas de entre os semifinalistas.

PUBLICIDADE