Vodafone lanza CarConnect, a súa tecnoloxía IoT para sermos mellores condutores

mércores, 6 de abril do 2022 S. P.

CarConnect, a solución IoT (siglas de Internet das Cousas) para o coche conectado de Vodafone, está xa á venda para clientes e non clientes da operadora, dende este mércores 6 de abril. A tecnoloxía, segundo explica a compañía de telecomunicacións, baséase nun dispositivo cunha Vodafone Smart SIM integrada con datos que proporciona Wi-Fi de alta calidade a través da súa conexión 4G. Así, informa da localización GPS e o estado do vehículo, envía alertas a través de mensaxes e chamadas automáticas, e ofrece ofertas personalizadas como descontos en gasolineiras e restaurantes. “Todo se controla desde o móbil a través da aplicación CarConnect”, sinala Vodafone.
A solución non require instalación, o cliente só ten que conectalo ao porto OBD do coche (conector que teñen todos os vehículos fabricados de 2003 en diante).
Como dixemos, o dispositivo leva asociado a aplicación móbil CarConnect, desde a que se xestionan e controlan todas as súas funcionalidades. A través desta app, teremos á nosa disposición toda a información sobre o vehículo (localización exacta, dispositivos conectados á rede Wi-Fi, etc.) e “indicadores moi interesantes que axudarán a mellorar a información da viaxe e a súa seguridade”, sinala Vodafone, salientando tamén as facilidades que se poñen en xogo para coñecermos a previsión do tempo detallada por horas e días e as posibilidades dun sistema de puntuación da condución (DriveScoring) que nos axudará a mellorar as nosas habilidades e destrezas ao volante, “asignando unha puntuación por viaxe baseada en parámetros medíbeis, tales como aceleracións-deceleracións bruscas, xiros inesperados ou o tempo que se conduce superando a velocidade límite”. Así mesmo, pode valorar como é a nosa condución e onde debe mellorar, e terá dispoñíbel o histórico de puntuación do último mes, para que poidamos comparar. Por outra banda, tamén teremos coñecemento exacto sobre a localización do noso vehículo en cada intre e sobre os mellores xeitos de planificar unha ruta, amais de facilidades para atopar o parking público que máis nos conveña, ter acceso á lista de viaxes realizadas polo vehículo e acceder ao detalle de cada un deles.
Por último, inclúe a funcionalidade CarConnect Alarm Assistant, un sistema seguro de notificación de alertas mediante o cal se informa ao cliente a través dun aviso ao móbil de calquera anomalía no vehículo e, en caso de non haber confirmación de lectura, envíaselle un SMS e realiza unha chamada automática tanto a el como aos contactos de confianza que definise.

PUBLICIDADE