Vodafone inicia o despregamento de routers con tecnoloxía Wi-Fi 6

venres, 9 de outubro do 2020 S. P.

Vodafone España comezou o despegue dos seus novos routers con tecnoloxía Wi-Fi 6, que, segundo apuntou a operadora, permitirán aos usuarios converxentes gozar “en primicia” dunha tecnoloxía que achega velocidades até catro veces maiores cás actuais e que incrementa até en 3 veces a duración da batería dos dispositivos conectados. Estes routers comezarán a chegar aos clientes da compañía ao longo das vindeiras semanas.
O router Vodafone Wi-Fi 6 Station foi certificado pola Wi-Fi Alliance para ofrecer esta tecnoloxía nos dispositivos compatíbeis con ela, algúns dos que xa comercializa Vodafone. Amais das ditas vantaxes, estes routers poden achegar conexión a 120 dispositivos de xeito simultáneo, e “sen perder a calidade no sinal Wi-Fi”, engade Vodafone, que pon o foco no carácter sustentábel destas tecnoloxías, que xa que son quen de incrementar até en tres 3 veces a duración da batería dos aparellos conectados, “reducindo tamén as interferencias en contornas conxestionadas”. Este, explica a operadora, é o primeiro chimpo no espallamento dun novo estándar que pretende mellorar de maneira significativa a experiencia dos usuarios cando están ligados á rede sen fíos dos seus domicilios e navegan por Internet ou visualizan audiovisuais en streaming.
Por certo que Wi-Fi 6 tamén permitirá reducir ao mínimo a latencia, o que resulta especialmente útil en aplicacións de xogo online ou de xogos na nube.
Arestora a compañía de telecomunicacións dispón no seu catálogo de máis de 20 dispositivos (smartphones e tabletas) que soportan esta tecnoloxía e que poden aproveitar as capacidades que achega. Estímase que, a partir de 2022, o seu uso será masivo nos novos dispositivos que se comercialicen (smartphones, tabletas, portátiles, Smart TV, etc.).

PUBLICIDADE