Vodafone informa que achegará 150 Mbps en descarga a través do seu servizo de 4G

luns, 23 de setembro do 2013 Fernando Sarasketa

Estes días, se falamos de 4G en España hai un 85% posibilidades (ou máis) de que falemos de Vodafone. A razón disto estriba no interese da operadora nesta tecnoloxía, un interese a todas luces especial e específico, e na vantaxe que semella querer sacarlle ao resto das compañías. Ademais, os días pasados a compañía anunciou que estas redes de telefonía móbil de cuarta xeración (redes LTE) están a desembarcar arestora en A Coruña e Vigo, inaugurándose o servizo cunha cobertura 4G do 58% en exteriores e 27% por interiores, sendo o obxectivo acadar en breve unhas taxas do 70% e do 40%, respectivamente. A tecnoloxía 4G, para quen non saiba de que vai a cousa (a estas alturas...), é mentres non se diga o contrario o máis último do último en comunicacións móbiles ao que imos ter (polo de agora) acceso.
Baixo estas siglas, 4G, empregadas para referirse á cuarta xeración de tecnoloxías de telefonía móbil atopamos a sucesora das tecnoloxías 2G e 3G, a predecesora da vindeira xeración 5G (velocidade de descarga 10 veces máis rápida que a de 3G). A 4G está baseada ao 100% no protocolo IP, sendo un sistema de sistemas e unha rede de redes, que se acada grazas á converxencia entre as redes de fíos e e as redes sen fíos. A principal diferenza coas xeracións anteriores é a capacidade para prover velocidades de acceso maiores de 100 Mbps en movemento e 1 Xbps en repouso, mantendo unha calidade de servizo (QoS) de punta a punta de alta seguridade que permitirá achegar servizos de calquera clase.
Até aquí os contidos xerais, os detalles veñen agora da man de Miguel Fernández, director de Vodafone Galicia, quen nos informa do porqué desta teima da operadora coa dita tecnoloxía e dos números que se agardan: 150 Mbps en descarga e até 50 Mbps en subida de datos en Internet.
-En relación ao resto dos operadores, a velocidade de Vodafone á hora de apostar pola tecnoloxía 4G semella moito maior. Cal é a razón
-Un dos atributos esenciais de Vodafone sempre foi a súa aposta decidida a prol da innovación e o liderado na mesma, tanto no que se refire ao investimento e despregamento de novas tecnoloxías, coma á introdución no mercado de produtos e solucións que permitan aos nosos clientes incrementar a súa produtividade, capacidade transformacional e desenvolvemento tecnolóxico, así como un enriquecemento no xeito de comunicarse e relacionarse. Podería salientar o liderado de Vodafone no mercado dos datos en mobilidade ou a evolución do mundo da voz fixa tradicional cara a unha solución xenuinamente móbil, flexíbel e nova como Oficina Vodafone, que supuxo amais a tanxibilización do mundo cloud nunha proposición masivamente adoptada polos nosos clientes, como exemplos do noso ADN innovador. E por tanto, non creo que esteamos perante un feito illado ou puntual, senón ante unha evidencia máis do noso compromiso con ese liderado na evolución tecnolóxica do mercado das telecomunicacións e as tecnoloxías da información.

Miguel Fernández, director de Vodafone en Galicia


-Por que se decidiu finalmente que non se ía cobrar pola mellora das conexións 3G a 4G, fornecendo o servizo de balde para os actuais clientes de Vodafone con contratos que inclúan datos móbiles?
-De certo, o servizo Vodafone 4G está incluído -sen custo adicional- nos actuais plans de prezos de contrato que inclúan datos móbiles, tanto para smartphones coma tablets ou módems USB. Vodafone foi a primeira en pór esta tecnoloxía ao alcance dos usuarios en España e a decisión de manter este servizo de xeito gratuíto nos devanditos plans de prezos baséase no noso obxectivo de seguir achegando aos nosos clientes a mellor experiencia de usuario nas súas comunicacións móbiles e facelo en condicións competitivas. Para gozar dos servizos 4G, os clientes deberán contar: cun dispositivo 4G que inclúa unha versión actualizada do software, unha SIM compatíbel (todas as MicroSIM e NanoSIM comercializadas por Vodafone o son) e a alta no servizo Vodafone 4G que pode tramitarse a través do 123 ou ben nas tendas Vodafone.
-Cantos dispositivos ten a empresa a día hoxe capacitados para facilitar a conexión a redes 4G? Prevese un crecemento no catálogo?
-Os clientes de Vodafone poden elixir a partir deste intre entre máis de 22 dispositivos compatíbeis con 4G segundo as súas necesidades. A oferta de terminais inclúe os principais sistemas operativos e familias de dispositivos e irase ampliando paseniño nos vindeiros meses.
-Aínda que o 4G teña velocidades maiores que o 3G, a súa principal vantaxe sería a súa reducida latencia. Dar a entender iso aos usuarios semella todo un reto.... Como poderiamos comezar a afrontalo, de maneira breve?
-As principais vantaxes dos novos servizos Vodafone 4G poderían resumirse dun xeito moi sintético en: meirande velocidade na transferencia de datos (tanto na subida como na baixada), facendo máis doado e favorecendo o feito de compartir e descargar arquivos (por exemplo contidos audiovisuais de alta definición) e unha menor latencia, que incide directamente na experiencia de uso de aplicacións altamente interactivas, tales como vídeo xogos online en contornas multixogador, así como naquelas comunicacións cun índice alto de contidos multimedia. Asemade, a tecnoloxía de cuarta xeración achegará velocidades de até 150 Mbps en descarga e de até 50 Mbps en subida de datos en Internet o que permitirá aos nosos clientes traballar en mobilidade con tablets, smartphones ou módems a unha velocidade media de conexión de 60 Mbps, 10 veces superior á velocidade dun ADSL. Alén disto, e non menos importante, Vodafone 4G facilitará a introdución de novos servizos na área empresarial ou nas administracións públicas, como aplicacións en mobilidade con alto contido multimedia ou outras en áreas que non foron completamente exploradas e desenvolvidas como a telemática, a sanidade ou os servizos públicos.
-Coa velocidade e a latencia do 4G, a distancia entre liñas fixas e móbiles recórtase de xeito considerábel. Poderemos contar axiña con máis cidades galegas no mapa 4G de Vodafone? Estamos moi lonxe de poder ver estas tecnoloxías móbiles no rural galego para poder así empregalas como alternativa ao ADSL ou o fío que dificilmente chegarían aos núcleos afastados?
-Dende o 29 de maio, Vodafone fornece cobertura 4G en 7 cidades: Barcelona, Bilbo, Madrid, Málaga, Palma de Mallorca, Sevilla e Valencia. Ao longo do mes de setembro estará dispoñíbel en: Zaragoza, Santander e A Coruña, e a partir de outubro lanzaranse os servizos 4G en: Vigo, Xixón, Oviedo, Córdoba e Murcia, sumando un total de 15 cidades. O despregamento de 4G nas cidades mencionadas realizouse sobre as frecuencias de 1800 e 2600 Mhz. No entanto, dispor da banda de frecuencias de 800 MHz optimizaría a eficiencia e melloraría a cobertura 4G dentro de edificios e faría máis eficiente o despregamento de rede. Motivos que nos fan desexar a pronta liberalización da devandita banda, prevista -segundo os plans do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo- para o ano 2014. Durante ese tempo, seguiremos traballando para levar 4G a outras cidades, cuxas datas aínda non podemos concretar, aínda que contamos con tecnoloxías Dual Carrier con velocidades de até 43 Mbps en descarga en 32 cidades de máis de 200.000 habitantes.
-Como dixemos, Vodafone xa ten dende hai meses numerosos terminais con 4G no seu catálogo. Pensaron salientar comercialmente tal funcionalidade para promover a súa introdución no mercado? Ou inicialmente prefiren achegar o 4G só aos usuarios que o demanden de maneira activa?
-Toda a información sobre os terminais 4G que está á disposición dos clientes atópase tamén anunciada na nosa páxina web e nas nosas tendas para que poidan elixir o terminal e a tarifa que mellor se adapte ás súas necesidades. Nas cidades nas que xa está dispoñíbel o servizo 4G si que foi lanzada unha acción comercial.

PUBLICIDADE