Vodafone incorpora 600 novas praias á súa cobertura 4G

martes, 3 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone, como cada ano nos comezos da tempada estival alta, vén de emitir un parte de cobertura de praias en materia de 4G, un parte informativo no que tamén se dá conta de fortalecementos e de demandas. En termos xerais, a operadora fortaleceu a presenza do dito servizo en 600 novos areais. O motivo? Pois alén dos máis evidentes, cómpre ter en conta que hai zonas turísticas da costa que rebordan de visitantes. Isto tradúcese en datos coma o seguinte: un aumento medio do 350% en materia de tráfico de datos móbiles, respecto aos restantes meses do ano.
Ademais, neste período estival que estamos a vivir, as praias acumulan máis dun cuarto do tráfico total da rede. A isto contribúe, tamén, o remate da itinerancia (roaming) na Unión Europea, co fluxo extra de datos de turistas que isto implica.
As medidas tomadas por Vodafone tamén axudarán, en palabras da operadora, a que os clientes gocen do incremento de datos asociado ás promocións estivais, por exemplo VideoPass (para gozar de televisión e vídeo sen gastar datos), ou Music Pass (que permite datos ilimitados en aplicacións móbiles de música), e de TIDAL, que está dispoñíbel até tres meses de balde.
A compañía, que dende o verán pasado estendeu a súa rede 4G de 1.256 a 1.846 praias distribuídas por toda a costa estatal, sinala que este último ano incorporáronse á devandita rede un total de 1.029 concellos. A día de hoxe, a cobertura 4G xa ten presenza en 2.067 municipios turísticos.

PUBLICIDADE