Vodafone impulsa a conectividade de banda larga por satélite para zonas remotas con AST SpaceMobile

luns, 27 de febreiro do 2023 S. P.

Vodafone España compartiu detalles sobre os proxectos piloto que prevé desenvolver este verán para probar os servizos de voz e datos por satélite con AST SpaceMobile. Estes pilotos, máis polo miúdo, buscan verificar o primeiro servizo de banda larga móbil que se conectará directamente a teléfonos móbiles estándar con 5G, 4G e 2G vía satélite en España.
Antecedentes directos
En novembro de 2022, Vodafone formalizou con éxito despregadura do satélite de comunicacións BlueWalker 3 e os plans para realizar probas en colaboración con AST SpaceMobile, que está a construír a primeira e única rede móbil de banda larga móbil por satélite para teléfonos móbiles non modificados.
Esta tecnoloxía, da que Vodafone é un dos principais investidores, ten como principal obxectivo “proporcionar conectividade aos usuarios desde o espazo a velocidades de banda larga, con independencia da súa localización, incluíndo zonas rurais, marítimas, aéreas ou de difícil acceso, permitindo ademais proporcionar comunicacións en caso de emerxencias, desastres naturais ou humanitarios”.
Os proxectos piloto de Vodafone España probarán a conectividade satelital directamente con teléfonos móbiles estándar
Nos vindeiros meses, a operadora planea realizar unha serie de probas que inclúen servizos de voz e datos por satélite con AST SpaceMobile co obxectivo de “probar esta tecnoloxía e desenvolver oportunidades de negocio”.
AST está a desenvolver o primeiro servizo de banda larga móbil con 5G, 4G e 2G vía satélite que proporcionará conectividade aos usuarios directamente cos seus teléfonos móbiles estándar sen necesidade de realizar modificacións ou usar dispositivos adicionais, “diferenciándose así da maioría das solucións existentes que proporcionan conectividade desde satélites”, salienta Vodafone nun comunicado. A previsión, sinala, é que esta configuración impulse a solución desde o primeiro día, a diferenza do que adoita acontecer no móbil, onde a adopción está limitada pola penetración do terminal.
Está previsto que a conectividade por satélite proporcione chamadas de voz, mensaxería, servizos de emerxencia, conexión a Internet de banda larga e servizos da Internet das Cousas (IoT). Esta arquitectura de rede está deseñada para permitir que os dispositivos móbiles cambien entre redes espaciais e terrestres de forma automática para o usuario final, eliminando as brechas de cobertura, “o que supón unha vantaxe competitiva para o operado”, destacaron dende Vodafone.
No comunicado a operadora engade que “unha vez estea operativo este servizo, a pegada de cobertura terrestre actual en España podería aumentar ata o 95% aproveitando esta innovadora tecnoloxía satelital”. Ademais, nun futuro esta tecnoloxía podería estender a conectividade e proporcionar cobertura móbil a áreas rurais, remotas ou de difícil acceso e corredores marítimos, ademais de proporcionar comunicacións instantáneas en caso de desastres naturais ou humanitarios.
España, no centro do proxecto
AST SpaceMobile prevé solicitar o rexistro da rede satelital que ten planificada en España. Está previsto tamén que o centro de mando para a xestión do tráfico no Mediterráneo estea situado en territorio nacional, xestionado por Vodafone España. Así mesmo, espérase despregar un centro de control de satélites en España para optimizar as operacións da frota de satélites e o comando e control en tempo real, en conexión cos outros centros de control de AST.
Vodafone España contribuirá técnica e operativamente coa súa experiencia regulamentaria para apoiar a despregadura global de SpaceMobile.
"É unha solución revolucionaria que podería complementar a cobertura tradicional e que se adapta perfectamente ao escenario de fogares e negocios na España rural. O noso propósito é garantir que todos teñan acceso aos servizos e beneficios dunha sociedade dixital, sen importar onde vivan", explica Julia Velasco, directora de Rede de Vodafone España.
"Cremos que SpaceMobile é a solución tecnoloxicamente máis avanzada nesta incipiente tecnoloxía. Por iso, é un orgullo para nós ser pioneiros en España e realizar probas piloto aquí, onde está prevista a realización da primeira chamada entre AST SpaceMobile e unha terminal 4G estándar en Europa, así como probas en corredores marítimos", afirma Yago Tenorio, director de Estratexia e Arquitectura de Rede do Grupo Vodafone.

PUBLICIDADE