Vodafone elixe esta semana as mellores aplicacións móbiles europeas do ámbito social

mércores, 4 de decembro do 2013 Redacción

The Vodafone Foundation celebra este xoves 5 de decembro en Bruxelas a gala de remate do certame Mobile for Good Europe Awards, uns galardóns que se dirixen a seleccionar as mellores aplicacións móbiles vencelladas á tecnoloxía social, ou sexa inseridas nas categorías de Saúde, Educación, Accesibilidade para colectivos con diversidades funcionais ou motrices ou Servizos Públicos. Este ano, informa a organización, presentáronse 224 candidaturas, das que 91 foron españolas. Un xurado especializado escolmou as tres mellores aplicacións móbiles de cada unha das ditas modalidades. Da ducia de finalistas, seis proceden de ámbito estatal. Cada categoría das catro devanditas repartirá 50.000 euros entre os desenvolvedores das tres ferramentas mellor valoradas polo xurado, 30.000 para o gañador, 15.000 para o segundo clasificado e 5.000 para o terceiro.
Entre a ducia de finalistas, atópase por exemplo a ferramenta Contigo (desenvolvida pola firma española Wake App Health), que é unha aplicación materializada coa colaboración de 16 mulleres que superaron un cancro de mama e expertos médicos e cuxo obxectivo é dar apoio a todas aqueloutras mulleres que sofren esta doenza, dende o intre do diagnóstico e a través de todo o tratamento. Dispón de testemuños persoais, gráficos interactivos e rigorosos contidos médicos.
Xa na categoría de educación, tamén concorren no certame as iniciativas Lily and the animals (da man da española LilyMedias, trátase dunha serie de aplicacións que queren axudar aos nenos a desenvolver a súa creatividade, memoria e vocabulario a través de xogos interactivos, exercicios e animacións) ou Dyseggxia (de Cookie Cloud, un xogo móbil que axuda aos nenos con dislexia a superar os seus atrancos para aprender a ler e escribir).
Na categoría de accesibilidade tamén atopamos unha interesante ferramenta portuguesa, ColorADD App, da man da empresa do mesmo nome, e dirixida a botar unha man a persoas con daltonismo, co fin de sexan quen de entender mellor as cores e asegurarlles a accesibilidade cando a cor sexa un factor de identificación, orientación ou selección.
Lembrar que os Mobile for Good Europe Awards contan co apoio de AGE Platform Europe, entidade que traballa a favor dos máis de 150 millóns europeos maiores de 50 anos e máis o European Disability Forum, foro que representa a máis de 80 millóns de persoas con diversidades funcionais e motrices en Europa.

PUBLICIDADE