Vodafone e Huawei converten en realidade as chamadas 5G co novo estándar NSA

martes, 20 de febreiro do 2018 Redacción

Vodafone vén de dar un relevante chimpo en materia de comunicacións avanzadas, as que se dirixen a converter a tecnoloxía 5G (tecnoloxía chamada a achegar velocidades de descarga mínimas de 20 Gbps) en algo cotián e cen por cen integrado nos nosos hábitos cotiáns. Para reforzar este chouto ao futuro e darlle carta de viabilidade, Vodafone e Huawei completaron de maneira conxunta a primeira chamada 5G no mundo, realizada desde Castelldefels (Barcelona) a Madrid.
E fixérono botando man das especificacións do novo estándar comercial NSA (polas súas siglas en inglés Non Stand Alone) aprobado por 3GPP o pasado mes de decembro e a banda de espectro de 3,7 Ghz. Segundo explica a operadora Vodafone, estas especificacións incorporaranse ao futuro despregue comercial da nova tecnoloxía 5G. Son, polo tanto, o seu código regulamentario.
Vodafone tamén explicou que este novo estándar complementa o emprego, nunha primeira fase, da infraestrutura da rede 4G para o control e xestión do tráfico, “polo que será necesario que tanto os terminais como as estacións base poidan establecer unha conectividade dual ás redes 4G e 5G ao mesmo tempo”. Na demostración levada a cabo con Huawei completouse unha conexión dual de 4G a 5G nunha contorna de proba real, acadándose velocidades de descarga que multiplican por 8 as velocidades estándar de 4G. Nunha segunda proba, realizouse unha videochamada utilizando unha conexión de datos 5G.
Ademais, con vistas a facer realidade unha conexión de principio a fin empregouse espectro na frecuencia de 3,7 Ghz e despregouse unha rede de proba completa, incluíndo equipos de Huawei de Radio Access Network (RAN) así como o core da rede.
António Coimbra, director executivo de Vodafone España, explicou que “a consecución desta primeira conexión de 5G en España reflicte o liderado de Vodafone e de España en tecnoloxías móbiles”. E engadiu: “O despregue de redes móbiles é un factor de gran relevancia para a competitividade e a transformación dixital do país”.
Pola súa banda, Yang Chaobin, presidente da liña de produtos 5G de Huawei declarou que “Huawei está absolutamente comprometida co desenvolvemento completo da tecnoloxía de rede 5G. O test realizado hoxe mostra a madurez do desenvolvemento de 5G sobre o estándar aprobado por 3GPP”.
Ademais, Santiago Tenorio, director de Arquitectura e Estratexia de Rede do Grupo Vodafone, salientou o alcance e o especial significado das probas realizadas: “Este é un fito de gran relevancia no camiño cara a 5G, que hai que agradecer aos enxeñeiros de Huawei e Vodafone que traballaron sen descanso para implementar as novas especificacións nun tempo récord. O éxito da proba realizada hoxe permitiranos avanzar con novas probas en toda Europa ao longo de 2018”.

PUBLICIDADE