Vodafone e Cisco únense para mellorar as solucións de conectividade fixa para empresas

venres, 22 de xaneiro do 2016 Redacción

As compañías Vodafone España e Cisco van potenciar de maneira conxunta as solucións de Redes Privadas Virtuais (VPN) e de conectividade de datos fixos para empresas. A alianza entre ámbalas firmas diríxese a permitir aos clientes gozar “da oferta máis completa e competitiva” de equipos, solucións e servizos de acceso á información: equipos, solucións e servizo que combinan as tecnoloxías VPN de Cisco coa conectividade de datos fixos de Vodafone.
O acordo, que de primeiras durará tres anos, abrangue a comercialización conxunta das devanditas solucións, unhas achegas que en palabras de Vodafone son moi acaidas para fornecer acceso e dispoñibilidade de redes de maneira ubicua, “sempre dispoñíbel e altamente segura tanto para grandes empresas como para administracións”.
A alianza tamén pretende trasladar ao mercado os beneficios de Cisco Meraki, unha completa plataforma de mobilidade xestionada desde a nube e que salienta por ofrecer as últimas solucións de conectividade Wi-Fi e analítica de rede para facilitar a dixitalización e optimizar o servizo ao cliente en sectores como por exemplo a hostalería.

PUBLICIDADE