Vodafone e ASPACE convocan a primeira edición dun concurso de tecnoloxías para persoas con parálise cerebral

luns, 22 de xullo do 2013 Redacción

O obxectivo da proposta é estimular tecnoloxías de valor para a mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral, segundo informa ASPACE

Continúa adiante o traballo da operadora Vodafone a prol de tecnoloxías inclusivas que permitan a participación de todas e todos, con independencia das súas características ou idade, na Sociedade da Información. Se hai uns días falamos en Código Cero da súa achega no certame Mobile for Good Europe Awards (dirixido a premiar traballos nos eidos da tecnoloxía social e da saúde), agora é a quenda da primeira edición do Concurso para Desenvolvedores Fundación Vodafone con #ASPACEnet, que, por certo, xa ten aberto o prazo de inscrición. O obxectivo da iniciativa lanzada pola operadora é impulsar a creación dun conxunto de solucións tecnolóxicas para dispositivos móbiles que melloren a calidade de vida do colectivo de persoas con parálise cerebral.
As bases da convocatoria guindan a desenvolvedores e organizacións interesadas tres retos, cada un deles asociado a un premio de 10.000 euros. O primeiro reto ten como obxectivo desenvolver aplicacións móbiles que acheguen valor ao colectivo da parálise cerebral, apoiando a súa adaptación e configuracións de accesibilidade. O segundo trátase de identificar unha solución de conectividade de periféricos (sobre todo produtos de apoio) a dispositivos Android. E por último, o terceiro reto quere identificar a mellor solución que facilite o emprego do teléfono móbil mediante a tecnoloxía de acceso por varrido de pantalla.
A Fundación Vodafone España, en colaboración con #ASPACEnet, está a desenvolver a base sobre a que aplicar este conxunto de solucións que vai permitir o manexo do sistema Android e as súas ferramentas mediante o uso de tecnoloxías de apoio (premedores, joysticks, sistemas de varrido, sínteses de voz, etc.) dun xeito “totalmente transversal e personalizábel a distintos perfís de persoas con parálise cerebral e aplicacións”. Por iso, das propostas presentadas, valorarase a súa adaptación ao ecosistema #ASPACEnet, informa Vodafone. As bases do I Concurso de Desenvolvedores Fundación Vodafone con #ASPACEnet pódense consultar na web de #ASPACEnet. A data límite para presentar as propostas é o 15 de xaneiro de 2014.

PUBLICIDADE