Vodafone dará prioridade ao pagamento por exceso de datos no móbil

luns, 9 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Actualmente Vodafone está a comercializar unha promoción que elimina o tope habitual de datos no móbil

Nun momento no que Vodafone está a ofrecer a posibilidade de eliminar a limitación de transferencia de datos a máxima velocidade na súas tarifas mediante o pagamento de 2 euros adicionais, o que provocou a emerxencia de rumores de que poderiamos gozar en breve de auténticas tarifas planas de datos móbiles, chegan novas informacións no sentido contrario, xa que están a dar conta de que a partires do 16 de febreiro Vodafone cobrará o exceso de datos de xeito predeterminado para manter sempre a máxima velocidade no acceso móbil á Internet, mudando así unha práctica que levaba bastantes anos instaurada, e que era un dos elementos que diferenciaba a estrutura das tarifas dos distintos operadores.
As tarifas de contrato para falar e navegar (Mini S, Smart, Red e Yu) e as de Internet móbil, terán activado de xeito predeterminado o Servizo de Máxima Velocidade, que aplicará un custo de 2 euros por cada 200 MB adicionais até un máximo mensual de 2 GB (20 euros) que serán cando si pasará a reducirse a velocidade a 32 Kbps (agás que se contrate un bono de datos adicional). De todos os xeitos, cómpre advertir de que será posible desactivar este servizo, para así continuar a funcionar como até o momento.
Este cambio de política afectará aos novos clientes ou aos cambios de tarifa, que serán os que teñen o Servizo Máxima Velocidade activado se non indican o contrario.

PUBLICIDADE