Vodafone dá a coñecer máis tecnoloxías para mellorar e reforzar o despregamento das redes 4G

mércores, 26 de febreiro do 2014

Vodafone España presentou esta semana unha serie de tecnoloxías para o facilitar e complementar o despregamento e desenvolvemento das redes 4G. Trátase de tecnoloxías que incorporan diferentes patentes impulsadas polo Centro de Competencia de Radio de Vodafone España e que se dirixen a obxectivos como mellorar a cobertura e a experiencia do cliente ou incrementar as velocidades de descarga.
Precisamente cara optimizar o servizo é cara a onde se dirixe Antena Activa, recurso incluído neste paquete de novidades. Foi desenvolvido por Vodafone España xunto cos seus subministradores. Antena Activa, que está arestora en fase piloto, consiste en pasar os sistemas de radio tradicionalmente situados dentro da estación-base ao interior da antena “dotándoa de funcionalidades adicionais para adaptarse á posición dos usuarios en tempo real”, informa a operadora. Esta tecnoloxía minimiza as perdas na transmisión de sinal. Cómpre sinalar que o incremento de cobertura pode chegar a superar o 40%, “o que incrementa notablemente a área cuberta por cada antena, así como a propagación ao interior dos edificios”, engade Vodafone, que nos recorda que en base a esta tecnoloxía “chegáronse a medir incrementos da velocidade de suba de datos á Rede de até un 60% e dun 50% en baixada”.
Seguindo coas tecnoloxías que se están dando a coñecer, dicir que a compañía tamén presentou novos servizos LTE-A, e que se dirixen a incrementar as velocidades de descarga de datos até 300 Mbps. De feito, Vodafone está a desenvolver probas piloto en Madrid con módems LTE precomerciais empregando a rede despregada nas bandas de 1800 e 2600 MHz e chegando a velocidades sostidas superiores aos 280 Mbps e puntualmente superiores aos 297 Mbps, E aínda máis: a compañía informa que foi a primeira operadora a nivel mundial en acadar, empregando LTE-A, engadir 4 portadoras para dar como resultado velocidades superiores a 540 Mpbs.

PUBLICIDADE