Vodafone comercializará o Nokia Lumia 620 a partir da semana que vén

luns, 28 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Tras a chegada a España a través da tenda en liña Expansys e a cadea de tendas física The Phone House, o agardado Nokia Lumia 620, considerado como o móbil con Windows Phone 8 con máis posibilidade de éxito entre as masas polo seu prezo axustado e deseño atractivo, vai chegar ao catálogo de Vodafone a semana que vén a prezos que van dende os 0 euros de pagamento inicial aos que engadir 7 euros/mes cunha tarifa Base 3 ou calquera tarifa Red, cun compromiso de permanencia de 24 meses, polo que o seu prezo aparte da tarifa contratada sería de 203,28 euros, polo que aparte dun pagamento aprazado tamén conséguese certo aforro neste smartphone que The Phone House vende libre por 289 euros. Deste xeito, Vodafone está a converterse no operador que máis apoio dá a Windows Phone 8, por conseguir a exclusiva do Lumia 920, Lumia 620 e o HTC 8X, mentres que Movistar só fixo o mesmo co Lumia 820.
O Nokia Lumia 620 é un terminal con carcasas intercambiables de 2 cores que conta cunha pantalla de 3,8 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N de dobre banda, Bluetooth 3.0, GPS, NFC, micro USB, conector para auriculares estándar, batería de 1.300 mAh, 11 milímetros de grosor e un peso de 127 gramos, que non só ten un prezo bastante moderado, senón que suma unhas prestacións bastante boas que conseguen achegar unha boa experiencia de uso con Windows Phone 8 tanto para usuarios particulares como para contornos corporativos onde o sistema operativo de Microsoft podería ter moito que dicir nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE