Vodafone comercializará en exclusiva o Nexus S

martes, 8 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

O Nexus S xa aparece na páxina web británica de Vodafone

Repetindo a xogada que fixo con Nexus One, Vodafone será o único operador de telefonía móbil que comercializará o Nexus S a nivel mundial no seu lanzamento, estando España entre os países nos que se estreará este móbil que será o primeiro en funcionar oficialmente con Android 2.3.
O Nexus S é un terminal baseado no Samsung Galaxy S, que como principal novidade integra tecnoloxía NFC, o que permitirá o pagamento co móbil, e que será unha tecnoloxía que durante 2011 incorporarán múltiples fabricantes aos seus dispositivos (rumoréase que tanto RIM coma Apple van traballar nesta mesma dirección).
O novo móbil insignia de Google poderá verse nos vindeiros días no Mobile World Congress de Barcelona, cando é de agardar que anuncien o seu calendario de lanzamento nos distintos mercados, así como os seus prezos de venda.

PUBLICIDADE