Vodafone colabora nun proxecto que facilita o transporte público ás persoas invidentes

venres, 17 de xullo do 2015 Redacción

As fundacións Vodafone España, ONCE e TMB (Transports Metropolitans de Barcelona) veñen de desenvolver un innovador proxecto de accesibilidade para o transporte público. A iniciativa, inserida no seu acordo de cooperación para loitar a prol da inclusión social de colectivos con diversidades funcionais, está especialmente dirixida a persoas cegas ou con visión reducida. Conta co apoio da Fundación Barcelona Mobile World Capital e foi presentado este 17 de xullo na estación de Metro de Diagonal de Barcelona, onde se deron a coñecer os detalles das dúas probas piloto de solucións TIC que engloba a iniciativa e que se apoian no uso de dispositivos móbiles e balizas de radiofrecuencia. As ditas probas piloto levaranse a cabo nunha estación de metro e nunha parada de buses de Barcelona.
No caso do metro, trátase de que “as balizas despregadas nas instalacións interactúen cunha aplicación instalada no dispositivo móbil do usuario invidente, para guialo de maneira segura no seu traxecto desde o acceso exterior até subir ao tren, e á inversa”. O sistema dará información direccional en cada derivación do percorrido.
Polo que atinxe á parada de autobús, o obxectivo será que o usuario obteña de maneira automática no seu terminal a identificación do vehículo que se detén nese intre na parada, co seu número de liña e destino, “para que poida decidir de maneira autónoma se fai uso del”. O condutor, pola súa banda e de xeito simultáneo, será informado de que unha persoa cega atópase na parada.
As solucións de I+D, en caso de éxito, poderán ser aplicadas no conxunto de transportes públicos da cidade.
Esta iniciativa é a primeira das contempladas no convenio marco de colaboración que subscribiron a Fundación Vodafone España, a Fundación ONCE e a Fundación TMB.

PUBLICIDADE