Vodafone botará man de algoritmos para evitar chamadas caídas e aumentar velocidades de descarga

martes, 16 de xaneiro do 2018 Redacción

Vodafone vén de dar importantes pasos en materia de Intelixencia Artificial para os seus servizos de telecomunicación e, en última instancia, mellorar a experiencia dos usuarios con melloras smart como, por exemplo, incrementar a velocidade de descarga a través dunha mellor xestión do tráfico. Este tipo de actualizacións, posíbeis grazas a tecnoloxías como o Machine Learning, teñen (en boa medida) a súa orixe en territorio español, a través do Centro de Excelencia de Rede de Vodafone desenvolvido conxuntamente coas compañías Ericsson e Huawei. Precisamente veñen de abrollar do Centro uns algoritmos de Intelixencia Artificial (AI polas súas siglas en inglés) que posibilitarán que a rede móbil da operadora sexa quen de elixir, de maneira automática e continua, a mellor alternativa para que os usuarios teñan o mellor servizo. Grazas a estes algoritmos, de xeito parello, reducirase o número de chamadas caídas.
Segundo lembra Vodafone, os algoritmos son recursos de Machine Learning e, polo tanto, están dotados da capacidade de aprender automaticamente dos erros e dos acertos. En base a isto, poderán extraer claves dos niveis de sinal asociados ás distintas frecuencias, sabendo cales son as mellores combinacións para cada conexión. Con estes recursos, a operadora quere converterse en “pioneira a nivel mundial en redes de AI”, impulsando infraestruturas de seu con capacidade para facer predicións e anticiparse aos problemas eliminándoos e optimizando a asignación de recursos.
En termos máis concretos, os ditos algoritmos serán quen de elixir cal é a mellor cela para asignar a cada usuario coa particularidade de que o terminal non terá que medir o nivel de sinal que recibe da rede. Isto permite duplicar a rapidez e maximizar a eficiencia no balance de carga de tráfico entre celas próximas, no traspaso de chamadas dunha cela a outra, e na elección das mellores frecuencias para o uso de agregación de frecuencias.

PUBLICIDADE