Vodafone aplica o xogo de pasar á bóla ao eido dos móbiles e con fins solidarios
xoves, 6 de marzo do 2014
A operadora Vodafone
segue adiante coas súas liñas estratéxicas presentes: por unha
banda investir na mellora dos seus servizos e na incorporación
doutros novos (a chegada masiva do seu 4G ás principais cidades é
un exemplo disto) e pola outra botar unha man en materia de inclusión
tecnolóxica e responsabilidade social. Nesta última liña é onde
se insire a iniciativa Pasa
a Bóla, posta en marcha pola Fundación Vodafone España en
colaboración coa Fundación Atresmedia (Antena 3). Trátase
dunha actividade solidaria para apoiar o Plan de Axuda Escolar de
Cruz Vermella. Este apoio materialízase cada vez que un usuario
descargue a aplicación do mesmo nome e participe con ela.
Lembrar que o dito plan
da ONG internacional diríxese “a apoiar á nenez máis
desfavorecida no seu desenvolvemento, acompañado a nenas e nenos na
realización das súas tarefas escolares, motivando o estudo e
garantindo unha merenda saudábel”, informa Vodafone. A aplicación
Pasa a Bóla, que é de balde, pódese descargar por calquera
usuario de telefonía (sexa cliente da operadora devandita ou non)
para as plataformas Android
e iOS.
Trátase dun xogo, engade Vodafone, que consiste en ir pasando a bóla
de xeito aleatorio dun smartphone a outro entre todos os
usuarios que se descargaron a aplicación. A Fundación Vodafone
España doará a Cruz Vermella 0,5 euros en nome de cada usuario por
cada descarga e entre 2 e 4 euros segundo a rapidez coa que os
usuarios pasen a bóla coa aplicación. Cada persoa que reciba a bóla
terá 2 minutos para pasala e se non o fai nese tempo aquela pasase
de maneira automática a outro usuario. Canto máis de contado se
pase, máis diñeiro doará a Fundación Vodafone no nome do usuario.