Vodafone agasalla con 1GB aos clientes insatisfeitos coa súa rede de datos 4G

martes, 7 de xuño do 2016 Redacción

Os clientes de Vodafone que estean a percibir unha diminución da calidade da súa rede de datos 4G veranse compensados con 1GB de datos grazas a esta proposta da empresa de telefonía móbil. Esta achega, denominada Rede 4G Garantida, poderá ser solicitada dende a aplicación móbil O meu Vodafone (servizo de autoxestión que facilita ao cliente a consulta e control do seu perfil de usuario) e o cliente poderá gozar de 1GB adicional nas 24 horas seguintes á solicitude sen realizar ningunha xestión adicional.
O meu Vodafone achega o servizo Rede 4G Garantida e un medidor da calidade de Rede. Asemade, para que os clientes poidan medir e facer seguimento da calidade da rede en tempo real, O meu Vodafone conta cunha nova ferramenta que permite realizar test de velocidade sen consumir datos da tarifa. Os clientes tamén poden facer seguimento do uso de datos móbiles, o consumo de datos feito por cada aplicación nos últimos 30 días e o consumo de datos realizado a través das conexións Wi-Fi.
Cómpre salientar que o número máximo de compensacións de 1GB será de 1 vez ao mes e 3 veces ao ano por cliente. Esta iniciativa permitirá aos clientes gozar sen contratempos da mellor rede de voz e de datos en España segundo un estudo independente realizado por P3 e pola revista de telecomunicacións Connect.
A Rede 4G Garantida está dispoñíbel dende hoxe para particulares tanto de contrato como de prepago-, autónomos e microempresas (empresas de até 5 empregados).

PUBLICIDADE